- España sitúase entre os primeiros países por número de smartphones per capita e pola frecuencia de renovación destes dispositivos.
- Entre o 85 e o 95% das emisións de CO2 xeradas por un teléfono móbil suceden durante o proceso de fabricación e distribución.
Cerceda, 18 de febreiro de 2019.- España é un dos países con maior número de teléfonos móbiles por habitante e sitúase nos postos de cabeza da lista de países cuxos habitantes renovan os seus smartphones con maior frecuencia. Tanto é así que a vida media dun teléfono móbil en España non alcanza os dous anos, quedándose nuns 20 meses.
Todos estes datos non pasarían de ser un mero indicador das tendencias de consumo dos nosos concidadáns, se non fose porque a fabricación deste tipo de dispositivo conleva a emisión de elevadas cantidades de CO2, un dos gases que maior incidencia teñen no quecemento global. Segundo un estudo da Universidade McMaster (Canadá), entre o 85 e o 95% das emisións de dióxido de carbono que xera cada teléfono móbil ocorren durante a súa fabricación e distribución.
De aí que prolongar a vida útil dos smartphones se presente como unha medida eficaz para minimizar a emisión de gases de efecto invernadoiro, xa que un móbil reutilizado só envía á atmosfera entre un 5 e un 15% do total de CO2 que emitirá ao longo da súa vida útil.
Atrasar a renovación dun dispositivo que aínda funciona perfectamente e comprar móbiles usados ou reacondicionados son decisións que, por unha banda, nos permitirán aforrar diñeiro; e, por outro, contribuír a mellorar a saúde do planeta.
AFORRO
As vendas de smartphones reacondicionados e de segunda man seguen aumentando a un ritmo notable, fundamentalmente por razóns económicas.
Segundo se desprende dunha enquisa efectuada pola compañía Certideal, un 55% dos compradores manifesta ter optado por teléfonos usados ou reacondicionados polo aforro que isto implica para os petos, o cal, ademais, permítelles afrontar a compra de terminais de alta gama a prezos que poden chegar a ser ata un 70% inferiores aos do mesmo terminal novo. De aí que os móbiles máis caros sexan tamén os que máis se reacondicionan e reutilizan.
Segundo Certideal o prezo medio dos móbiles reacondicionados e de segunda man vendidos en España rolda os 284 euros.
Así pois, a reutilización e a reciclaxe dos smartphones preséntanse como dúas medidas moi axeitadas para minimizar a emisión de dióxido de carbono, supoñendo un impulso para avanzar na senda da economía circular.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación