- A compañía promove un medio máis respectuoso co medio ambiente, máis eficiente, con menor sinistralidade, maior sincronización horaria e menores molestias cidadás.
- Posiciónase así en liña co Pacto Europeo Verde, cuxo obxectivo é alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050, desempeñando o transporte sostible un papel crucial para logralo.
- Co fin de impulsar o uso do tren, a Comisión Europea propuxo que 2021 sexa o Ano Europeo do Ferrocarril.
Cerceda, a 6 de agosto de 2020.- Na súa firme aposta pola sostibilidade, a Sociedade Galega do Medio Ambiente decidiu dar un impulso ao tren como medio de transporte preferente para os residuos que recibe no seu Complexo Medioambiental de Cerceda desde distintos puntos de Galicia.
Se en 2016 tan só desprazaba por tren o 25% dos residuos, a día de hoxe a compañía conseguiu chegar ao 55%, promovendo desta forma un medio máis seguro, máis respectuoso co medio ambiente, máis eficiente, con menor sinistralidade, maior sincronización horaria e menores molestias cidadás.
Sogama posiciónase así en liña co Pacto Europeo Verde, cuxo obxectivo é alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050. Para logralo, a forma de transporte desempeñará un papel crucial, toda vez que é responsable dunha cuarta parte das emisións de gases de efecto invernadoiros da UE, tendo fixado como obxectivo reducir as súas emisións nun 90% para 2050.
Co fin de impulsar o uso do tren, a Comisión Europea propuxo que 2021 sexa o Ano Europeo do Ferrocarril, xa que constitúe un medio que pode contribuír á consecución dos obxectivos do Pacto Verde Europeo.
A previsión é levar a cabo distintas accións a través das cales se poña de relevo os beneficios do tren sobre as persoas, a economía e o clima, coa particularidade de que é o único modo de transporte que reduciu case continuamente as súas emisións de CO2 desde 1990, á vez que aumentou os seus volumes de transporte.
Elixiuse 2021 porque é o primeiro ano completo no que se aplicarán, en toda a Unión, as normas acordadas no marco do cuarto paquete ferroviario. En 2021 tamén se cumpren varios aniversarios importantes, como é o caso do 20.º aniversario do primeiro paquete ferroviario, o 175.º aniversario do primeiro enlace ferroviario entre dúas capitais da UE (París-Bruxelas), así como os 40 anos do TGV e os 30 anos do ICE.
Saúdos, Departamento de Comunicación