- A perca do Nilo, no lago Turkana, constitúe xa unha importante fonte de ingresos para a poboación que habita nesta zona empobrecida e azoutada pola seca.
- O peixe comercialízase fileteado e a pel, que ata hai pouco se desperdiciaba, visualízase xa como un interesante subproduto, facéndose un oco na esixente industria da moda.
- O seu gran tamaño, xunto con outras características tales como a súa capacidade para absorber as cores e a súa lixeireza, faina especialmente atractiva.
- Os pescadores locais atoparon na perca unha importante fonte de ingresos e a pretensión é que este sector dea traballo a mulleres e mozos locais, polo xeral moi castigados polo desemprego.
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2019.- O lago Turkana, situado na rexión máis setentrional de Kenya, xunto á fronteira de Etiopía, converteuse nunha oportunidade para o desenvolvemento sostible desta rexión empobrecida e azoutada pola seca e o cambio climático.
A poboación parece ter atopado o seu medio de vida pescando a perca do Nilo, unha especie de lacustre que pode crecer ata dous metros de lonxitude. Unha vez fileteado, comercialízase en todo o país.
Polo xeral, a pel desperdíciase ou ben véndese a prezos baixos como fertilizante ou pienso para animais. Pero hai empresas que empezan a concibir este material como subproduto, facéndose xa un oco na industria da moda, gran consumidora de recursos naturais.
O coiro de peixe emerxe ao exterior con grandes posibilidades de prosperar. No caso da pel de perca, constatouse que absorbe moi ben as cores e o material resultante é moi lixeiro, coa particularidade de que o seu gran tamaño constitúe unha vantaxe fronte a peles doutros tipos de peixe.
Na fábrica de Kitale, a onde se transporta este peixe, os traballadores filetéanno con coidado para que a pel se conserve correctamente. Necesítase destreza para que conserve o seu aspecto natural durante o proceso de curtido.
Unha vez que foi retirada, lávase e escorre antes de pasar polas distintas etapas de tratamento: encalado, decolorado, desencalado, rendido, desengraxado e decapado. O proceso de curtido converte a pel de peixe en coiro e, acto seguido, procédese ao tinguido e ao acabado.
FONTE DE INGRESOS
Este achado constitúe unha importante fonte de ingresos para os pescadores locais, ofrecéndolles prezos máis altos e creando empregos alternativos para a comunidade. O obxectivo de empresas como VictoriaN Foods é garantir que o 60% das persoas que traballan na elaboración de coiro de peixe sexan mulleres e mozos locais, dous grupos sociais cun elevado nivel de desemprego.
Neste marco, varios deseñadores interesáronse por esta iniciativa. É o caso do keniano Jamil Walji, que no seu momento viaxou a Kitale para supervisar a produción do coiro de peixe que utilizará nas súas creacións. Manifestou que para el fora toda unha experiencia dadas as características do material: duradeiro, forte e con formas e tamaños interesantes.
A FAO apoia e promove a creación de comunidades pesqueiras e costeiras prósperas e, coa súa Iniciativa de Crecemento Azul pon en valor a conservación e a xestión sostible a través de ecosistemas saudables.
Neste contexto, a moda azul é unha forma innovadora de apoiar ás comunidades pesqueiras á vez que se reduce o desperdicio e ofrécense alternativas sostibles á industria da moda.
Fonte e imaxe: FAO
Saúdos, Departamento de Comunicación