- Esta cifra supón 2 millóns de quilos máis que en 2021 e representa máis do 42% do total recollido en España, posicionando de novo á entidade como o maior operador de España e un dos principais do sur de Europa
- Xunto ao impulso da redución, Moda R- prevé incrementar os puntos de venda para 2023, pasando de 136 a 175, e estar presente en máis dun centenar de cidades españolas
- Así mesmo, a entidade conta coas tres plantas de tratamento e preparación para a reciclaxe máis avanzadas de España, dotadas con sistemas de identificación de composicións Fibersort
- En 2022 xerou 1.321 postos de traballo, tendo reservado o 51% a persoas en situación ou risco de exclusión social
Cerceda, a 14 de abril de 2023.-A cooperativa de iniciativa social sen ánimo de lucro impulsada por Cáritas, Moda re-, pechou o pasado 2022 coa recollida de 42.975.475 quilos de téxtil usado, 2 millóns de quilos máis que o ano anterior. Esta cifra representa máis do 42% do total recollido en España e posiciona novamente á cooperativa, non só como o maior operador de España, senón coma un dos principais do sur de Europa.
A través dunha rede conformada por 7.157 contedores de téxtil usado e co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática antes de 2030, Moda re- busca dar o mellor tratamento á roupa usada para a súa reutilización e reciclaxe. Con tal fin, xa instalou sensores en máis de 6.800 contedores de todo o país. Este innovador sistema, que detecta os cambios volumétricos do contido en tempo real, pretende evitar o desbordamento e os roubos dos contedores, ademais de optimizar e rendibilizar os roteiros de recollida, xerando importantes aforros de emisións ao planeta.
A consolidación do proxecto permitiu ao longo do ano 2022 abrir 15 novas tendas Moda re- e 9 novos corners da marca nos hipermercados Alcampo, pechando o ano cun total de 183 puntos de venda sociais e solidarios, que teñen presenza en máis de 80 cidades e en case todas as Comunidades Autónomas.
O aumento de vendas rexistrado nas tendas e corners foi considerable, cun incremento de máis do 28% respecto a 2021, destacando o aumento significativo de mozos -para os que se deseñaron campañas de comunicación específicas-, que incorporaron a reutilización de roupa usada aos seus hábitos de consumo.
Ademais, ao longo do ano 2022, milleiros de persoas sen recursos adquiriron nas tendas Moda re- dunha maneira totalmente normalizada e sen ningún custo pola súa banda, máis de 280.000 pezas, un 25,4% máis que en 2021, ás que se terían que engadir os centos de milleiros de pezas doadas a través da rede de “Espazos con corazón” e ropeiros de Cáritas.
REDUCIÓN, REUTILIZACIÓN E RECICLAXE
O ano 2022 representou un paso importante na aposta da organización polo primeiro elo da xerarquía de residuos, a redución. Destaca o lanzamento do proxecto “Tecendo un Pensamento Sostible”, o catálogo de materiais de sensibilización e as accións de educación ambiental.
En canto á reutilización, o obxectivo para 2023 é pasar dos 136 puntos de venda actuais a máis de 175, conseguindo estar presentes en máis de 100 cidades españolas.
Así mesmo, a entidade conta coas tres plantas de tratamento e preparación para a reciclaxe máis avanzadas de España, dotadas con sistemas de identificación de composicións Fibersort.
IMPACTO SOCIOLABORAL
A prioridade de Moda re- é situar á persoa no centro da súa actividade a través da xeración do maior número posible de postos de traballo de inserción e dunha entrega social dignificada. Así, as cifras do proxecto desvelan que, durante 2022, alcanzouse a cifra de 1.321 postos de traballo, dos cales 743 estaban ocupados por mulleres e o 51% do total estaba reservado a persoas en situación ou risco de exclusión social.
Estes itinerarios sociolaborais permiten á persoa adquirir os coñecementos e experiencia necesarios para poder dar o salto ao mundo laboral normalizado, tras rematar o seu período de inserción en Moda re-. De feito, máis do 50% acceden posteriormente a un emprego.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Moda re-