- Incidirán nos comportamentos e hábitos a adoptar pola cidadanía para reducir a xeración de refugallos en orixe, para reutilizar os produtos o maior número de veces posible, alongando a súa vida útil, e para propiciar a súa reciclaxe mediante a correcta recollida selectiva
- Tamén se falará do quinto contedor, de cor marrón, concibido para a recollida diferenciada da materia orgánica e implantado recentemente en Santiago de Compostela con gran éxito
Cerceda, a 7 de novembro de 2022.- Do mesmo xeito que en anos anteriores, os educadores de Sogama regresan ao Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela (farano mañá, día 8) para instruír ao alumnado, concretamente a 124 estudantes de ESO, na xestión sostible dos residuos urbanos. Con tal fin, incidirán nos comportamentos e hábitos a adoptar pola cidadanía para reducir a xeración de refugallos en orixe, promovendo o consumo responsable; para reutilizar os produtos o maior número de veces posible, alongando a súa vida útil e evitando que acaben convertidos en refugallos; e para propiciar a súa reciclaxe mediante a correcta segregación en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva correspondentes.
Tamén se falará do quinto contedor, de cor marrón, concibido para a recollida diferenciada da materia orgánica e implantado recentemente en dous barrios de Santiago de Compostela con gran éxito, xa que a calidade do residuo, tal e como se puido comprobar a través das diferentes caracterizacións realizadas na planta de compostaxe de Sogama en Cerceda (A Coruña), aproximouse ao 99%, transformándose nun abono natural de alta calidade con posterior aplicación na agricultura e xardinería.
Así mesmo, as vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) poden poñer en práctica a compostaxe doméstica, convertendo en compost a materia orgánica, que regresa ao solo en forma de fertilizante natural, pechando o circuíto da súa reciclaxe
Abordaranse igualmente outras temáticas tales como o consumo racional, o desperdicio alimentario e resolveranse as dúbidas ao redor da recollida selectiva de residuos e contedor de destino de cada material: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; contedor marrón, para a materia orgánica; contedor xenérico, para a fracción resto (ou non reciclable), que Sogama converte en enerxía eléctrica con todas as garantías ambientais e de protección da saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación