- Esta empresa pública entregou ao ente local 37 novos composteiros que, sumados aos 50 subministrados anos atrás, fan un total de 87.
- As vivendas que se adscriban a esta iniciativa deben dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica en orixe, cos beneficios ambientais e sociais que esta práctica trae consigo.
- Así mesmo, Sogama proporcionou manuais didácticos de consulta destinados ás familias participantes.
Cerceda, a 22 de xaneiro de 2020.- O concello de Monterroso (Lugo) decidiu ampliar, coa colaboración de Sogama, o seu programa de compostaxe doméstica, implantado anos atrás. Con tal fin, esta empresa pública proporcionou ao goberno local 37 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para entregar noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe.
Sumados aos 50 recipientes subministrados no seu momento, fan un total de 87 os composteiros que, en breve, estarán en funcionamento nesta municipio lucense.
Trátase de recuperar unha práctica arraigada no medio rural, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica que, ademais, trae consigo importantes beneficios ambientais e sociais.
Dado que os residuos orgánicos representan en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, circunstancia que se traduce nunha redución da frecuencia do transporte e, polo tanto, nunha diminución das emisións de CO2 á atmosfera, así como da cantidade de residuos a entregar a Sogama para o seu tratamento final.
Esta compañía proporcionou tamén ao ente local manuais didácticos de consulta destinados ás familias adscritas ao programa a fin de que os participantes poidan coñecer de forma pormenorizada a técnica a aplicar e despexar todas as súas dúbidas.
Adicionalmente, teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar recursos divulgativos de utilidade tales como contidos online, vídeos e xogos.
A día de hoxe, un total de 334 entidades de toda Galicia (concellos, centros educativos e colectivos sociais) atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, repartindo entre as mesmas máis de 11.200 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación