- Para isto contarán co apoio de Sogama, que xa remitiu res concellos unha nova partida de composteiros (75 en total), así como igual número de cubos domiciliarios e manuais didácticos.
- O obxectivo é que cada vez sexan máis as familias que practiquen a autoxestión da materia orgánica, contribuíndo con a alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
- A día de hoxe xa son 772 os composteriores subministrados por esta empresa pública nos tres municipios.
Cerceda, a 2 de marzo de 2022.- Os concellos pontevedreses de Mos, Pazos de Borbén e Ponteareas decidiron ampliar, co apoio da Sociedade Galega do Medio Ambiente, os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a novas vivendas unifamiliares (25 en cada caso).
O obxectivo é que cada vez sexan máis os fogares que se sumen á autoxestión da materia orgánica, dados os seus importantes beneficios ambientais, económicos e sociais. Con isto conséguese minorar a cantidade de residuos a depositar no contedor xenérico da fracción resto, podendo diminuír a frecuencia de recollida e transporte de lixo e, en consecuencia, as emisións de CO2 á atmosfera. Ao mesmo tempo, redúcese a cantidade de refugallos que deben ser tratados en planta, neste caso na de Sogama, en Cerceda (A Coruña), minguando o importe da factura que deben pagar a esta empresa pública.
Sumando as novas partidas de composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) a outras anteriores subministradas igualmente por esta compañía, fan un total de 772 os recipientes distribuídos entre estes tres municipios, posibilitando que outras tantas familias poidan compostar os seus refugallos orgánicos dunha forma eficiente e hixiénica.
CUBOS DOMICILIARIOS PARA GAÑAR EN COMODIDADE
Así mesmo, nesta ocasión tamén se dotou aos entes locais con cubos domiciliarios (10 litros de capacidade), a fin de que poidan trasladar con comodidade os restos orgánicos desde a cociña ao composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.
Igualmente, a empresa pública enviou aos concellos manuais de compostaxe doméstica para que sexan entregados aos veciños participantes a fin de guiar o proceso de compostaxe, aplicar correctamente a técnica e resolver as dúbidas máis frecuentes.
Na actualidade, xa son 429 as entidades adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, das cales 222 son concellos (ademais de centros educativos e colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas máis de 18.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación