- Tratábase dun grupo de estudantes do IES Pedregal de Irimia, os cales tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura e participar nunha sesión formativa impartida por educadores especializados
Cerceda, a 6 de marzo de 2024.- Un grupo de 40 mozos e docentes do IES Pedregal de Irimia, concretamente de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, pertencentes ao municipio de Meira (Lugo), desprazáronse esta semana á localidade coruñesa de Cerceda para coñecer a infraestrutura industrial de Sogama e os detalles do proceso de tratamento ao que son sometidos os residuos que se atopan baixo a xestión desta empresa pública.
Logo dunha sesión formativa impartida por educadores da empresa pública, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polo interior das distintas instalacións que conforman o complexo ambiental.
Equipados con lentes inmersivos 360º, adentráronse na planta de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks depositados polos cidadáns nos contedores amarelos para ser separados por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores, e continuaron o itinerario polas distintas instalacións a través das cales discorre o residuo xenérico, é dicir, aquel que é introducido no contedor convencional.
Dado que nesta fracción detéctanse materiais susceptibles de ser reciclados, e que deberían ter sido depositados noutros contedores de recollida selectiva, Sogama segrégaos por tipoloxías nunha planta de recuperación 4.0 para que sexan enviados á industria transformadora e convertidos en novos produtos.
Coa parte restante, é dicir, a non reciclable, a empresa elabora un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para xerar electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Finalizada a experiencia virtual, os integrantes do colectivo puxeron a proba, cunhas máquinas de xogos Arcade, os coñecementos adquiridos, deixando constancia da súa bagaxe na selección de residuos, a súa capacidade para identificar os distintos tipos de materiais e contedor de destino, e tamén as súas destrezas motoras e axilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación