- Trátase dunha asociación voluntaria orientada a promover a concienciación e a comprensión dos beneficios e uso da compostaxe a escala mundial
- Entre as vantaxes da compostaxe destácanse a mellora da saúde do solo, a produtividade dos cultivos e o seu valor nutricional, a mellora da calidade da auga e o apoio á protección da biodiversidade e á preservación dos recursos naturais
Cerceda, a 20 de decembro de 2021.- Recentemente creouse a Alianza Internacional da Compostaxe, unha asociación voluntaria para promover a concienciación e a comprensión dos beneficios e uso da compostaxe a escala mundial.
A Alianza pretende ofrecer solucións positivas para a mitigación do cambio climático, a saúde do solo e a seguridade alimentaria, baseándose en anos de colaboración entre organizacións de reciclaxe de produtos orgánicos. Ao poñer en común a súa experiencia e coñecementos, o obxectivo da Alianza é maximizar a reciclaxe de residuos orgánicos e avanzar na fabricación de compost certificado de alta calidade.
Quere mostrar así a importancia do compost e os seus múltiples beneficios, isto é, a mellora da saúde do solo, a produtividade dos cultivos e o seu valor nutricional, a mellora da calidade da auga e o apoio á protección da biodiversidade e á preservación dos recursos naturais. Tamén fará fincapé na colaboración e as iniciativas conxuntas co potencial da investigación internacional.
Os membros fundadores desta alianza mundial son A Asociación de Enerxías Renovables e Tecnoloxías Limpas (REA); a Asociación Australiana de Reciclaxe de Produtos Orgánicos ( AORA); o Consello de Compostaxe de Canadá (CCC); a Rede Europea de Compostaxe ( ECN); a Asociación Internacional de Residuos Sólidos ( ISWA); CRÉ – Asociación de Compostaxe e Dixestión Anaeróbica de Irlanda; WasteMINZ (Instituto de Xestión de Residuos de Nova Zelandia); e o Consello de Compostaxe de Estados Unidos ( USCC).
Nunha declaración conxunta, os seus membros afirmaron que: «O compost é unha solución para o cambio climático na que todos gañan: non só a reciclaxe de residuos orgánicos reduce as emisións, senón que o compost tamén achega moitos beneficios cando se utiliza nos solos. Por iso unimos as nosas forzas para traballar xuntos e maximizar a reciclaxe de residuos orgánicos e avanzar na produción de compost certificado de alta calidade en beneficio do medio ambiente, a sociedade e os nosos membros».
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels