- Esta plataforma foi posta en marcha polos SCRAP de aparellos eléctricos e electrónicos, dando así un paso máis no seu labor de prevención na xeración de residuos
- Con isto, e no marco da nova Lei de Residuos de abril de 2022, facilítase o cumprimento da normativa nun marco de colaboración social e en beneficio do medio ambiente
Cerceda, a 22 de febreiro de 2023.- Os Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor de aparellos eléctricos e electrónicos (AMBILAMP, ECOASIMELEC, ECOFIMÁTICA, ECOLEC, ECOLUM, ECO-RAEE´S, ECOTIC e European Recycling Platform), puxeron en marcha a plataforma CIRCULAR PLACE, dando así un paso máis no seu labor de prevención na xeración de residuos.
A través do marketplace www.circularplace.org, os produtores e distribuidores con acordos cos devanditos SCRAP, xa poden poñerse en contacto con organizacións sen ánimo de lucro e/ou entidades educativas para xestionar doazóns de aparellos eléctricos e electrónicos que non fosen vendidos ou ben que procedan de devolucións de clientes que, en todo caso, se atopan en perfecto estado de uso.
Grazas á creación deste marketplace social, fabricantes, produtores e/ou distribuidores de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (AEEs), poden dar unha nova vida aos seus excedentes de stocks mediante a súa doazón a organizacións sen ánimo de lucro e/o entidades educativas. O obxectivo é axudar a realizar a maior cantidade posible de proxectos solidarios relacionados coa economía circular, colaborando en proxectos de pobreza enerxética, formativos ou contra a exclusión social, entre outros.
CUMPRINDO COA LEXISLACIÓN DUNHA FORMA SOLIDARIA E AMBIENTAL
A posta en marcha de CIRCULAR PLACE nace da necesidade que teñen os fabricantes, produtores ou distribuidores de aparellos eléctricos e electrónicos, de facer cumprir a normativa ambiental, en concreto a nova Lei de Residuos de abril de 2022, que estipula a prohibición de destruír os produtos non vendidos, obrigando a que sexan destinados preferentemente á doazón e reutilización.
Desta maneira, a través das doazóns entre os fabricantes, produtores e/ou distribuidores de todo tipo de aparellos eléctricos e electrónicos, e as organizacións sen ánimo de lucro, facilítase o cumprimento da normativa nun marco de colaboración social e en beneficio do medio ambiente.
CIRCULAR PLACE encargarase de garantir aos fabricantes o correcto uso e destino dos produtos doados, mediante unha selección e homologación previa das organizacións sen ánimo de lucro que participan no marketplace, sendo o produtor o que decida en última instancia a quen e cando se realiza a doazón.
SOBRE CIRCULAR PLACE
CIRCULAR PLACE (www.circularplace.org) é o marketplace de doazón de aparellos eléctricos e electrónicos destinado ao desenvolvemento de proxectos de economía circular no que os fabricantes, produtores ou distribuidores de aparellos de iluminación e material eléctrico e electrónico dan unha segunda vida aos seus excedentes de stocks mediante a súa doazón a organizacións sen ánimo de lucro ou entidades educativas.
Fonte e imaxe: Apiem