- Con este Pacto, as fundacións do noso país reafirman en maior grao o seu compromiso nun momento no que é necesario mobilizar á sociedade para reconstruír unha economía e un tecido empresarial máis equitativo e sostible.
- Segundo unha enquisa realizada ao sector, case oito de cada dez fundacións consideran que a súa entidade concede gran importancia ao cambio climático, pero só catro de cada dez inclúen nos seus programas accións relacionadas coa urxencia climática.
Cerceda, a 21 de decembro de 2020.- As fundacións españolas presentaron o seu Pacto polo Clima, nado do traballo participativo dos últimos meses de fundacións de toda índole, grandes e pequenas, que traballan desde ámbitos moi diversos, non só en temas específicos de medio ambiente. Con isto reafirman en maior medida o seu compromiso no actual contexto de crise provocada pola pandemia, precisamente nun momento no que é necesario mobilizar á sociedade para responder aos desafíos relacionados coas desigualdades, o apoio ás comunidades, as familias, as empresas, os gobernos e o terceiro sector na reconstrución dunha economía e un tecido empresarial máis equitativo e sostible.
Este pacto é froito de meses de encontros, debates e postas en común sobre como abordar a urxencia climática nunha situación de crise sanitaria. Estruturado en sete alicerces, eríxese como documento base para impulsar un movemento de acción e concienciación na loita activa das fundacións para facer fronte á crise climática e ás desigualdades que xera.
Os resultados dunha enquisa realizada ao sector sinalan que case oito de cada dez fundacións consideran que a súa entidade concede gran importancia ao cambio climático, pero só catro de cada dez inclúen nos seus programas actuacións relacionadas coa urxencia climática.
Segundo o IPCC , as medidas a curto prazo para abordar a adaptación e a mitigación do cambio climático poden xerar cobeneficios sociais, ecolóxicos, económicos e de desenvolvemento, “que contribúan á erradicación da pobreza e a medios de subsistencia máis resilientes para as poboacións vulnerables".
Tamén a Axenda 2030 aboga pola acción climática urxente: “Aínda é posible limitar o aumento da temperatura media global a dous graos por riba dos niveis pre-industriais, apuntando a 1,5°C. Para logralo, requírense accións colectivas urxentes".
Fonte: Compromiso RSE
Imaxe: Pixabay