- Pola súa banda, Cabanas amplía o seu con 50 composteiros, facendo un total de 140 o número de recipientes entregados entre outras tantas familias.
- É necesario que as vivendas participantes conten con terreo no que aplicar o compost resultante para pechar o círculo de aproveitamento e recuperación da materia orgánica en orixe.
- Sogama tamén achegará aos dous concellos manuais didácticos de apoio para distribuír entre os participantes, e impartirá cursos de formación.
Cerceda, a 24 de maio de 2021.- Tras solicitar a adscrición ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama, esta empresa pública remitirá ao Concello de Neda (A Coruña) unha partida de 50 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para distribuír entre outras tantas familias. Requisito indispensable é que habiten en vivendas que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo da reciclaxe da materia orgánica, sendo este un dos mellores exemplos de economía circular.
Con esta iniciativa recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis eficiente, cómoda e hixiénica facilitada polo composteiro, no que se leva a cabo o proceso de fermentación, debendo controlar o usuario o axeitado equilibrio entre fracción húmida e fracción seca, ademais de vixiar parámetros de gran importancia tales como osíxeno, temperatura e humidade.
Sogama enviará tamén ao ente local manuais de autocompostaxe para entregar aos veciños participantes. Trátase dunha guía na que se explica de forma detallada a operativa a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, dando resposta ás dúbidas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Adicionalmente, técnicos desta entidade pública impartirán un curso de formación, que se materializará en data a acordar polas partes.
De forma complementaria, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar recursos didácticos e lúdicos de interese.
Unha vez implantado o programa, será o persoal do propio Concello o encargado de facer un seguimento desta iniciativa.
Pola súa banda, a Sociedade tamén remitirá unha nova partida de 50 composteiros ao municipio de Cabanas (50), sumando neste caso 140 o número de recipientes entregados entre outras tantas familias.
Saúdos, Departamento de Comunicación