Noticias
Neste Nadal, pensa en clave circular e regala sostibilidade
- Evita o desperdicio alimentario, compra produtos de tempada e de proximidade, aposta por agasallos de segunda man, utiliza envoltorios reciclados e practica os tres erres
Cerceda, a 22 de decembro de 2023.- O Nadal é, para moitos, unha época do ano na que gozar, desconectar do traballo e os estudos, e conectar coa familia e amigos, pero tamén é unha época de consumismo desmedido e de notable xeración de residuos.
Ser máis sostibles xa non é unha opción, senón unha obrigación para dar un respiro ao Planeta, poñer freo ao cambio climático e deixar un mundo mellor ás xeracións vindeiras.
Con pequenos xestos, podemos alcanzar grandes logros. He aquí algúns consellos:
- Evita o malgasto nas comidas do Nadal. Planifica as compras e os menús, fai unha lista do necesario, cínguete a ela, e, se sobra comida, úsaa para novas receitas.
- Aposta por agasallos de segunda man: roupa, bolsos, libros etc. Dar unha nova vida aos produtos evita producilos de novo, transportalos e consumir materias primas virxes e enerxía.
- Consume preferentemente produtos comercializados a granel e prescinde dos sobreempaquetados.
- Utiliza envoltorios reciclados e reciclables para os agasallos. Tamén podes usar papel de xornal e mesmo teas. Bótalle imaxinación.
- Compra artigos de proximidade e de tempada. Contribuirás a manter a economía local e evitarás a pegada de carbono derivada do transporte a longas distancias.
- Non esquezas reducir, reutilizar e reciclar. Cada residuo no seu contedor e lembra que o marrón xa está en moitos municipios e que nel debes depositar restos de comida, cascas de ovo, follas secas etc. A materia orgánica recollida a través do mesmo será transformada en compost, un abono natural de alta calidade e con extraordinarias propiedades fertilizantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación