- A empresa pública quixo aproveitar esta efeméride para agradecer o interese de tantas e tantas persoas en coñecer in situ a súa operativa, equipo e xestión
- Trátase dunha experiencia que non deixou indiferente a ninguén pola magnitude da infraestrutura cercedense, a gran cantidade de residuos que se tratan cada día na mesma e a firme aposta da entidade pola innovación
- O programa de visitas foi evolucionando ao longo do tempo, conseguindo hoxe adaptarse ás características dos distintos grupos, ademais de gañar en eficiencia e transparencia coa implantación dun percorrido virtual
Cerceda, a 4 de xuño de 2024.- Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar mañá, 5 de xuño, Sogama quere aproveitar esta efeméride para agradecer o interese en coñecer o seu sistema de xestión de residuos ás máis de 84.000 persoas que visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) durante os últimos anos.
Grupos de distintos perfís (escolares, asociacións, empresas, universitarios, delegacións técnicas e políticas, etc.) pasaron polas súas instalacións para ver e comprobar por si mesmos a súa operativa. Un labor que non deixou indiferente a ninguén pola magnitude da infraestrutura cercedense, con capacidade para tratar 1 millón de toneladas anuais de lixo, e a firme aposta por tecnoloxías de última xeración que permiten recuperar os refugallos susceptibles de ser reciclados para ser convertidos en novas materias primas e valorizar enerxéticamente os non reciclables, evitando o seu depósito en vertedoiro.
O programa de visitas foi evolucionando co tempo, conseguindo adaptarse ás características e particularidades de cada colectivo, con intereses moi distintos, sendo atendidos por educadores especializados que axustan as explicacións en función da idade, nivel educativo e/o ocupación.
En todo caso, e malia as distintas sensibilidades, o certo é que todos eles coinciden en valorar a visita a Sogama como unha excelente oportunidade para a sensibilización social, xa que permite profundar no alcance real da problemática que trae consigo a elevada produción de residuos e tomar conciencia do arduo traballo que leva a cabo a compañía para xestionalos e tratalos de forma sostible, precisando para isto de importantes recursos, tanto económicos como tecnolóxicos e humanos.
Visita virtual 360º e xogos arcade: a novidade deste curso
Garantir en todo momento a máxima seguridade dos visitantes foi unha constante para a entidade, pois non debe esquecerse o seu carácter industrial, que condiciona os itinerarios. Así as cousas, hai uns meses que a Sociedade implantou a modalidade de visita virtual para os menores de idade, os cales, equipados con lentes inmersivos 360º, teñen a oportunidade de facer unha viaxe por todo o Complexo, pero sen moverse do sitio, accedendo a recunchos e espazos imposibles de ver nun percorrido a pé. Trátase dunha experiencia que entusiasma e emociona, e á que tamén queren acollerse os maiores de idade pola oportunidade que representa visualizar as instalacións desde perspectivas diferentes, podendo captar detalles únicos.
Os menores de idade completan a visita cun percorrido en autobús polos viais do Complexo, mentres que os adultos realizan un físico guiado por monitores.
Así mesmo, o programa está impregnado dun marcado carácter lúdico. Aos xogos tradicionais de identificación e selección de residuos, sumáronse as máquinas arcade “Trash & Furious”, coas que os visitantes, pequenos e maiores, poñen a proba os seus coñecementos sobre recollida selectiva, compiten entre eles e aprenden desde a diversión.
Este novo enfoque permitiu que as visitas a Sogama se estean a incrementar de forma expoñencial e formen parte das actividades programadas por moitos grupos sociais.
A todos eles, nosa máis sincera gratitude.
Saúdos, Departamento de Comunicación