-
Mañá, 8 de xuño, celébrase esta efeméride co obxectivo de chamar a atención sobre a fraxilidade dos nosos mares e a responsabilidade que a poboación ten no seu coidado e protección
-
Os océanos son os pulmóns do noso planeta, unha fonte importante de alimentos e de medicinas, ademais dunha parte fundamental da biosfera, resultando claves para a economía
Cerceda, a 7 de xuño de 2024.- Mañá, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, unha efeméride coa que se pretende chamar a atención sobre a fraxilidade dos nosos mares e a responsabilidade que a poboación ten no seu coidado e protección.
“Espertar novas profundidades” é a temática elixida para este ano, sendo a súa pretensión poñer de relevo a necesidade de que, coa maior urxencia, mude a nosa relación cos océanos, xa que ata o momento os esforzos investidos non fixeron máis que rozar a superficie.
Os océanos son os pulmóns do noso planeta (producen alomenos o 50% do osíxeno), unha fonte importante de alimentos e de mediciñas, así como unha parte fundamental da biosfera.
Cobren máis do 70% do planeta, conteñen o 96% de toda a auga (o resto é auga doce que se atopa en forma de ríos, lagos e xeo),e albergan a maior parte da biodiversidade, coa particularidade de que resultan claves para a nosa economía, xa que se estima que, para 2030, haberá ao redor de 40 millóns de traballadores no sector.
Malia os seus grandes beneficios, a presión humana sobre os océanos é cada vez maior. Co 90% das grandes especies marítimas de peces mermadas e o 50% dos arrecifes de coral destruídos, estamos a extraer do mar máis do que se pode repoñer. De aí a importancia do traballo conxunto para crear un novo equilibrio no que non esgotemos todo o que nos ofrecen, senón que restauremos a súa vitalidade e lle devolvamos unha nova vida.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels
Saúdos, Departamento de Comunicación