-
Así o manifestou en Cope Galicia o seu presidente, Javier Domínguez, quen tamén explicou as razóns que obrigaron á compañía a actualizar o seu canon en 2024, derivadas dunha serie de medidas adoptadas unilateralmente polo Estado e que ocasionaron un buraco nas contas de Sogama de 18 M€
-
Con todo, e malia a actualización, o canon da empresa pública seguirá sendo o máis barato de Galicia e tamén o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía
Cerceda, a 30 de xullo de 2024.- Nunha entrevista emitida por Cope Galicia, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou as razóns da actualización do canon da empresa para este ano 2024, argumentando que a súa orixe atópase na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que por primeira vez contemplou impostos á valorización enerxética e á vertedura, e contra os que alegou, sen éxito, a Xunta de Galicia, sendo asumidos directamente por Sogama en 2023 (9,1 M€), sen repercutilos aos concellos.
Non obstantes, a mediados do pasado ano, o Goberno central sorprendeu coa aplicación de novas medidas regulatorias que afectaron de cheo ás contas de Sogama, sendo unha delas a eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica, comprometida ata 2026, cando finalizaría a súa vida útil, ademais da redución da retribución á planta de coxeración e a recuperación do imposto eléctrico. Todo isto traduciuse nunhas perdas económicas para a Sociedade de 18 M€, ás que necesariamente debe facer fronte, pero minimizando o impacto ocasionado polas decisións estatais sobre as arcas locais.
Noutra orde de cousas, Domínguez Lino aludiu ao incremento da carga de traballo de Sogama nos meses estivais debido a que a entrada de residuos nas súas instalacións se incrementa nun 15-20% con motivo da maior afluencia turística.
Tal e como sinalou, nalgúns días de agosto, a empresa pode chegar a recibir da orde de 4 millóns de quilos diarios de refugallos ou, o que é o mesmo, 4.000 toneladas, cando o habitual é que sexa de 2.500-3.000 toneladas.
Malia o maior aluvión de refugallos, a compañía garante en todo momento a súa correcta xestión ao contar cunha potente infraestrutura industrial conformada por un complexo medioambiental, sito na localidade coruñesa de Cerceda, unha rede de 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo conxunto da comunidade, 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e un vertedoiro de cols no que se depositan aqueles rexeitamentos que, dadas as súas características, non poden ser recuperados nin material nin enerxeticamente.
Domínguez abundou en que a máxima de Sogama é, en todo caso, a transformación de residuos en recursos, propiciando a reciclaxe daquela parte susceptible de ser recuperada por esta vía e convertendo en enerxía a non reciclable (50% renovable). De feito, a partir desta fracción xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Aínda coa actualización, o canon da Sociedade Galega do Medio Ambiente para este ano seguirá sendo o máis barato de Galicia e tamén o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía.
Saúdos, Departamento de Comunicación