- Con este título, Sogama lanza un decálogo de boas prácticas ambientais, pretendendo chamar a atención sobre a necesidade de consumir con cabeza e racionalidade
- Tamén fai fincapé na importancia de apostar polo comercio local e os produtos de tempada, de combater o desperdicio alimentario, de separar os residuos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado e de gozar do que temos.
Cerceda, a 23 de decembro de 2021.- Coa pandemia asexando a través dunha nova onda, non debemos baixar a garda. A responsabilidade debe primar en todo momento, e non só en datas de festas e celebracións, senón cada día e en calquera ámbito da vida.
1.- Nadal non é sinónimo de consumismo
O consumismo non nos fará máis felices. O consumo con conciencia será o realmente produtivo e satisfactorio. Non fai falta adquirir alimentos a prezos desorbitados ou comprar agasallos inalcanzables para moitos petos. Hai menús fantásticos e agasallos marabillosos a prezos razoables. O agarimo en ambos os casos é o ingrediente estrela.
2.- O comercio local, unha aposta segura
Prioriza o comercio local para adquirir os teus produtos e dá preferencia aos artigos de tempada. Contribuirás a xerar ingresos para as familias da túa contorna, tamén a crear emprego no teu municipio e, por suposto, a diminuír as emisións de CO2 procedentes do transporte por estrada a longas distancias. E, por se fora pouco, aforrarás cartos.
3.- Decorar con cabeza
Árbores, luces, guirnaldas, adornos múltiples, …. Non é necesario que malgastes tantos recursos. Cun pouco de creatividade, podes fabricar os teus propios obxectos de decoración a partir de materiais reciclados. Tampouco é necesario que teñas acesas as luces todo o día. Por certo, mellor as de LED. Duran máis e consomen menos.
4.- Que non sobre (nin que falte)
Os menús concentran gran atención durante estas datas. Calcula as racións en función do número de comensais. Non se trata de cociñar cantidades desorbitadas que logo acabarán no cubo do lixo.
5.- Sobras en receitas
Se aínda así sobra comida, poderás reutilizar as sobras para elaborar novas receitas gastronómicas. As posibilidades son múltiples.
6.- Regala emocións e benestar
Un agasallo non ten por que ser necesariamente algo material e tanxible. Hai moitas alternativas e a satisfacción para o que o recibe pode ser mesmo superior ao presente máis caro que te poidas permitir.
7.- Cambia o chip: os residuos son recursos
Segue aplicando a regra dos 3 R: reduce os residuos xerados, reutiliza ao máximo os produtos e separa os materiais contidos no lixo para propiciar o seu posterior reciclado.
8.- Cada residuo no seu sitio
As cores axúdanche:
- Contedor amarelo: envases de plástico, latas e briks.
- Contedor azul: papel e cartón
- Iglú verde: envases de vidro (botellas, frascos e tarros)
- Contedor marrón: materia orgánica
- Contedor verde xenérico: fracción resto
9.- O tempo é ouro
Goza o momento, recréte nas xuntanzas familiares e cos teus amigos. Iso si, respectando os aforos estipulados polas autoridades en cada momento. Aproveita o tempo e goza. As cousas máis sinxelas son as que realmente nos fan felices.
10.- Un sorriso para 2022
Máis aló das circunstancias persoais de cada un, tendamos a man a 2022 co mellor dos nosos sorrisos.
Saúdos, Departamento de Comunicación