- Os premios recoñecen os logros excepcionais en materia de sostibilidade nos sectores do recauchutado e a reciclaxe de pneumáticos
- O prazo para a presentación de candidaturas abriuse o pasado 8 de marzo e concluirá o 5 de maio
Cerceda, a 13 de marzo de 2023.- A axencia de servizos de comunicación Valebridge Media Services (VMS), con sedes en Crewe (Reino Unido), Madrid (España) e Kuala Lumpur (Malaisia), deu a coñecer as novidades para 2023 dos Recircle Awards, os premios da industria do pneumático que recoñecen os logros excepcionais en materia de sostibilidade nos sectores do recauchutado e a reciclaxe de pneumáticos.
Os Recircle Awards 2023 constarán de 22 galardóns, o que supón unha ampla e equilibrada gama de categorías que representa a toda a industria do pneumático. Así mesmo, VMS, como entidade organizadora, confirmou que Autopromotec será de novo o patrocinador principal e acollerá a cerimonia de entrega durante Futurmotive – Expo & Talks, o novo evento dedicado á transición enerxética e ecolóxica, así como aos novos modelos de negocio para o sector da automoción, que terá lugar do 16 ao 18 de novembro de 2023 en Bolonia (Italia).
PRAZOS E VOTACIÓNS
O prazo para a presentación de candidaturas aos Recircle Awards abriuse o pasado 8 de marzo e culminará o 5 de maio de 2023. Logo da selección levada a cabo polo Comité de Nomeamentos entre os votos recibidos, o 12 de xuño, nunha cerimonia virtual, anunciaranse os finalistas. O comité está composto por trece expertos mundiais das industrias do recauchutado e a reciclaxe de pneumáticos, elixidos pola súa independencia e recoñecida experiencia nos seus respectivos campos, ademais dos directores das revistas Retreading Business e Tyre & Rubber Recycling. A partir dese momento, a votación dos Recircle Awards 2023 quedará aberta ata o 8 de setembro de 2023.
Os gañadores coñeceranse en novembro de 2023 nun novo e innovador formato de entrega de premios que combinará presentacións dixitais e físicas. A cerimonia retransmitirase en directo desde Bolonia para todo o mundo no marco de Futurmotive – Expo & Talks, coorganizadora do evento, e ofrecerá tamén diversas reunións e eventos relevantes para os sectores do recauchutado e a reciclaxe de pneumáticos.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional