- Membros deste curso específico visitaron hoxe o Complexo Medioambiental de Cerceda.
- Técnicos da empresa explicaron a operativa do mesmo, detallando o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra, concibida en liña coa industria 4.0.
- Esta instalación forma parte do proceso de ampliación do complexo, que culminará a mediados deste ano, converténdose no máis moderno e eficiente de Europa, así como en todo un referente para o resto do mundo.
Cerceda, a 14 de maio de 2019.- Trala súa entrada en funcionamento, en novembro de 2018, a nova planta de recuperación de materiais de Sogama está centrando o interese de numerosos colectivos sociais, dado o seu carácter pioneiro no ámbito da innovación tecnolóxica.
Esta mesma mañá, membros do Máster de Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago de Compostela viaxaron a Cerceda para coñecer os pormenores e funcionalidades desta infraestrutura, a máis moderna e eficiente de Europa.
Técnicos de Sogama explicaron o cometido da instalación, concibida e equipada en liña coa industria 4.0, e na que se logra seleccionar, de forma automatizada, ata 11 tipoloxías de materiais contidos no lixo convencional para a súa remisión aos centros recicladores.
Máis aló do vidro, o aceiro e o aluminio, a planta consegue separar os distintos plásticos, ademais do papel e cartón, contribuíndo en boa medida a incrementar as taxas de reciclado de Sogama, que serán cuadriplicadas. Ao mesmo tempo, permitirá que a empresa pública reduza de forma significativa o uso do vertedoiro, chegando no ano 2020 ao vertido técnico cero (10%). Isto significa que só se levará a verterá aquela parte do lixo que, dadas as súas características, non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
PECHANDO O CÍRCULO
Tal e como se trasladou ao grupo, a entrada en operación desta planta forma parte do proceso de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, que verá incrementada a súa capacidade nun 81% ao pasar de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Desta forma, Sogama non só tratará en condicións óptimas os residuos producidos nos 295 concellos adscritos ao seu modelo, senón ata, se así fose necesario, os refugallos urbanos producidos no conxunto de Galicia.
Esta ampliación inclúe tamén a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Unha vez culminada, o complexo de Sogama converterase en todo un referente para Europa e resto do mundo ao aglutinar a xestión integral de residuos mediante a aplicación preferente dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que teñen continuidade coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, relegando o vertido a último lugar por ser a opción menos desexable dado o seu negativo impacto ambiental.
De feito, coa parte non reciclable do lixo Sogama logra xerar a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos, e faino ademais coas últimas tecnoloxías dispoñibles, garantindo desta forma unha operativa absolutamente respectuosa coa contorna e a saúde das persoas.
Tanto é así, que as plantas de valorización enerxética son as instalacións que están sometidas a maiores controis, moi superiores ao que rexen para outras infraestruturas, atopándose todos os parámetros de emisión moi por baixo dos límites legais.
Saúdos, Departamento de Comunicación