- Situada no polígono industrial de Racelo, conta con capacidade para 8.675 toneladas anuais e xa dá servizo aos municipios limítrofes
- Ademais de transvasar bolsa amarela e bolsa negra, está preparada para recibir a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2024.- A nova planta de transferencia da Lama (Pontevedra), construída por Sogama, entrou en funcionamento e xa da servizo aos municipios limítrofes.
Situada no polígono industrial de Racelo e con capacidade para 8.675 toneladas anuais, está preparada para transvasar as tres fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo), bolsa negra (fracción resto ou non reciclable) e bolsa marrón, sendo esta a novidade ao acoller a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros, a instalación intégrase na rede de infraestruturas para a valorización da fracción orgánica contida nos residuos municipais, á que se destinou un investimento de 45 millóns, contando para isto cun cofinanciamento dos Fondos FEDER-REACT de 30 millóns.
Esta rede está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos -Cervo, na provincia de Lugo; Cerceda, na da A Coruña; Verín, na provincia de Ourense; e Vilanova de Arousa, na de Pontevedra- e 13 plantas de transferencia de apoio, entre as que se atopa a da Lama. Esta última dispón dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores (con capacidade para dúas unidades), o que posibilita que, en certa medida, se independice o funcionamento da instalación do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos pola conxestión do tráfico, climatoloxía adversa, posibles avarías, indisposición dos condutores, etc.
Tamén conta cun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, ademais dunha depuradora de augas residuais.
Así mesmo, abastécese enerxeticamente a través de paneis solares, fomentando desta forma o uso das enerxías renovables como unha das principais medidas coas que contribuír á loita contra o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación