- Cun investimento de máis de 1,8 M€, a nova instalación substitúe á antiga microplanta, gañando en capacidade (ata 17.000 t/ano), eficiencia e funcionalidade, e estando preparada para acoller, non só a bolsa amarela e negra, senón tamén a marrón (materia orgánica)
- Desta forma, intégrase na rede de infraestruturas públicas, promovida pola Xunta e executada por Sogama, para valorizar, mediante a súa transformación en compost, os residuos orgánicos recollidos a través do contedor marrón
- Ademais de dar cobertura a Curtis, Vilasantar e Sobrado dos Monxes, a planta estará ao dispor doutros 15 municipios máis
Cerceda, a 19 de decembro de 2023.- A nova planta de transferencia de Curtis (A Coruña), que substitúe á anterior microplanta, entrará en funcionamento o próximo 2 de xaneiro, data a partir da cal acollerá a bolsa negra, bolsa amarela e bolsa marrón procedentes dos concellos aos que dará cobertura, isto é, Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis.
Con todo, e dada a súa maior capacidade -que poderá chegar ata as 17.000 toneladas anuais-, eficiencia e funcionalidade, tamén estará ao dispor doutros 15 municipios máis, cunha poboación incorporada de 40.080 habitantes.
Así llo comunicou esta mesma mañá o presidente de Sogama, Javier Domínguez, ao alcalde de Curtis, Javier Caínzos, nunha reunión mantida na sede da empresa, en Cerceda.
Ademais de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e xenérico (resto), a planta, cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros, está preparada para acoller a materia orgánica recollida a través do contedor marrón, integrándose na rede de infraestruturas públicas despregadas en Galicia pola Xunta (17 en total: 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 de transferencia de apoio) para compostar a materia orgánica. A esta rede destínase un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER REACT como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Situada no polígono industrial de Teixeiro, nunha parcela de case 8.000 m2, a nova planta de transferencia de Curtis conta cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2 e está equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.
Así mesmo, é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar dotada con paneis fotovoltaicos para aproveitar a enerxía solar, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático ao reducir a dependencia dos combustibles fósiles.
Saúdos, Departamento de Comunicación