- A empresa pública entregou ao ente local 25 composteiros, así coma outros tantos cubos domiciliarios e manuais didácticos de apoio
- Coa nova partida serán 125 as familias participantes nesta iniciativa, que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
- Así mesmo, educadores ao servizo da compañía impartirán o próximo 13 de maio, no Edificio Multiusos da localidade, un curso de formación presencial orientado á veciñanza para explicar os detalles da técnica a aplicar e resolver dúbidas
Cerceda, a 18 de abril de 2022.- Novas familias do municipio pontevedrés de Covelo súmanse ao programa de compostaxe doméstica impulsado polo Concello coa colaboración da Sociedade Galega do Medio Ambiente. Será esta empresa pública a encargada de subministrar, de forma gratuíta, unha nova partida de 25 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), xunto con outros tantos cubos marróns de 10 litros cos que se pretende facer máis cómodo o traslado da materia orgánica desde as cociñas dos fogares ata o composteiro, que debe estar localizados no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Con esta entrega, serán 125 as familias de Covelo que participan nesta iniciativa, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais. Ás vantaxes que reporta a transformación dos residuos orgánicos en compost, habería que engadir a diminución da cantidade de refugallos depositados polos cidadáns nos contedores xenéricos, toda vez que a fracción orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, reducindo o importe da factura que, neste caso, o ente local paga a Sogama polo tratamento da denominada bolsa negra.
Desde o punto de vista formativo, Sogama entregou ao Concello manuais didácticos de autocompostaxe para repartir entre os participantes. Nos mesmos inclúe titoriais sobre a operativa a seguir: desde a propia colocación do composteiro ata a relación de materiais que deben (e non deben) ser depositados no mesmo, así coma o control de parámetros que resultan esenciais para obter un abono natural de alta calidade, isto é, osíxeno, temperatura e humidade.
Así mesmo, educadores ao servizo da compañía impartirán o próximo 13 de maio, no Edificio Multiusos da localidade, un curso de formación presencial para explicar á veciñanza os detalles da técnica a aplicar e resolver as súas dúbidas.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación