- Tendo en conta entregas anteriores, sumarían, no caso de Arbo, un total de 267 recipientes subministrados por Sogama e, no de Tui, 302
- Isto significa que outras tantas familias que residen en vivendas unifamiliares con terreo xa poden autoxestionar a súa materia orgánica para convertela en compost, que regresará de novo á terra en forma de abono natural para dar unha nova vida
- A práctica da compostaxe doméstica trae consigo importantes beneficios ambientais e sociais, coa particularidade de que propicia a redución da cantidade de residuos depositados no contedor convencional e mellora a recollida selectiva do resto de fraccións
Cerceda, a 20 de abril de 2023.- En resposta ás solicitudes formuladas polos Concellos pontevedreses de Arbo e Tui para ampliar, da man de Sogama, os seus respectivos programas de compostaxe doméstica, esta empresa pública remitiu novas partidas de composteiros a ambos os dous entes locais.
No caso de Arbo, súmanse 25 recipientes aos subministrados en datas anteriores, facendo un total de 267 as vivendas con terreo que autoxestionan a súa materia orgánica. En Tui, coas 50 novas unidades, ascenden a 302 as familias que elaboran o seu propio abono a fin de utilizalo como fertilizante natural nos seus xardíns e cultivos.
Fabricados con materiais reciclados e reciclables, coa dotación destes artiluxios, Sogama pretende propiciar que o proceso de fermentación controlada dos restos orgánicos nos fogares se leve a cabo de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
É preciso que o recipiente se coloque no exterior da vivenda, nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores. Os usuarios son os encargados de vixiar todo o proceso, procurando que haxa unha mestura equilibrada entre fracción húmida e seca, controlando parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
BENEFICIOS
Con este programa, ambos os dous concellos pretenden recuperar unha práctica habitual no rural galego, como é a segregación de materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, logrando con isto importantes beneficios, tanto ambientais como sociais.
Neste sentido, cabe destacar que a autocompostaxe propicia que a cantidade de residuos a depositar no contedor convencional se vexa diminuída, co conseguinte aforro de custos, á vez que mellora a recollida selectiva do restos das fraccións e, polo tanto, a súa reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación