* Ademais dos recipientes, a Sociedade Galega do Medio Ambiente remitiu aos tres municipios manuais didácticos de apoio a fin de que sexan repartidos entre os veciños participantes
* Adicionalmente, Oia e Covelo solicitaron á empresa pública a impartición de cursos de formación presenciais para explicar á veciñanza a operativa
Cerceda, a 1 de marzo de 2023.- Os Concellos pontevedreses de Oia, Covelo e Salceda de Caselas amplían os seus respectivos programas de compostaxe doméstica coa colaboración de Sogama. A empresa pública remitiulles novas partidas de composteiros que, sumadas a outras anteriores, fan un total de 425 as familias das tres localidades que xa autoxestionan a súa materia orgánica, coa axuda da Sociedade Galega do Medio Ambiente, a fin de transformala en compost, un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para cultivos e plantas.
Coa subministración de 20 novos recipientes en Oia, este concello xa conta con 140 vivendas adscritas á autocompostaxe. Pola súa banda, Covelo alcanza as 150, tras recibir 25 composteiros máis, e Salceda de Caselas sitúase nos 135 fogares participantes, tras subministrarlle 35 novas unidades.
INFORMACIÓN E FORMACIÓN
Aos tres Concellos envióuselles tamén manuais de compostaxe doméstica para que poidan distribuílos entre os novos veciños que decidiron adscribirse a esta iniciativa co fin de que aprendan a técnica e sigan as fases detalladas nos mesmos para que poidan obter uns bos resultados.
Non obstante, Oia e Covelo pediron reforzar esta información coa impartición dun curso de formación presencial por parte de técnicos de Sogama, pretendendo que os usuarios teñan a oportunidade de complementar os seus coñecementos e despexar dúbidas.
Serán os propios entes locais os que deben realizar un seguimento dos seus respectivos programas para comprobar o grao de acollida por parte da veciñanza, detectar posibles limitacións, tomar boa nota dos erros máis comúns e resolver os problemas detectados.
BENEFICIOS
Dado que a materia orgánica representa, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, en torno ao 40%, se esta se recupera en orixe e se evita o seu depósito no contedor xenérico, os concellos obteñen importantes beneficios, tanto a nivel ambiental como económico e social. Non só poden chegar a reducir as emisións de CO2 á atmosfera debido á diminución da frecuencia de recollida e transporte dos residuos domésticos, senón que mesmo poden diminuír a cantidade de lixo enviada a Sogama para ser tratada, o que se traduce nun importante aforro de custos.
Así mesmo, recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o elaboración de compost, un abono natural que achega ao solo nutrientes de alto valor, preservándoo fronte a posibles pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación