- Con isto, as familias non só contribúen a reducir a produción de residuos e a aforrar custos, senón a poñer en valor a fracción orgánica e pechar o ciclo natural da súa xestión, converténdoa nun recurso
Cerceda, a 8 de outubro de 2024.- Sogama subministrou novas partidas de composteiros aos concellos pontevedreses de Arbo e Salvaterra do Miño, elevando a 317 e 340, respectivamente, as familias de ambos os dous municipios (657 en total) que xa autoxestionan a materia orgánica nas súas vivendas transformándoa en compost, un fertilizante natural con posteriores usos na agricultura e xardinería.
Se ben se trata dunha práctica tradicional no rural galego, os composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, non só aceleran o proceso de fermentación dos restos orgánicos e vexetais, senón que posibilitan unha operativa máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Coa práctica da compostaxe doméstica, os concellos, ademais de reducir a cantidade de residuos a depositar en contedor, coa conseguinte diminución de custos, tanto na recollida coma no transporte e tratamento final, contribúen a poñer en valor a fracción orgánica e a pechar o ciclo natural da súa xestión, converténdoa nun recurso.
Co obxectivo de axudar aos usuarios no seu labor, Sogama dispón na súa páxina web dun microsite https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/, a través do cal os interesados poden obter toda a información necesaria, xa que se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
En todo caso, os participantes deben facer un seguimento do proceso e controlar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade a fin de que o compost resultante cumpra con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente e poida ser aplicado no solo con garantías e sen restricións.
A día de hoxe, un total de 184 entidades (47 concellos, 69 centros educativos e 8 colectivos sociais) están adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido a compañía na provincia, e de forma gratuíta, preto de 8.200 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación