- O grupo de investigación BIOSAHE (Biocombustibles e Sistemas de Aforro Enerxético) da Universidade de Córdoba, traballa para establecer as mellores rutas de valorización da comida que se desperdicia nos restaurantes, buscando a máis eficiente e a que proporciona máis valor.
- Unha vez analizados os compostos e variabilidade das sobras, poderase predecir que proceso de valorización é máis óptimo en función do residuo, axudando na toma de decisións ás industrias que traballen dentro da economía circular.
- Desta forma, as vidas posibles das sobras dos restaurantes poden ir desde converterse en biodiesel ata electricidade ou bioplásticos.
Cerceda, a 17 de xuño de 2020.- Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados, dando lugar a unha problemática con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e ata morais. A restauración non escapa a este fenómeno, constituíndo un dos sectores nos que o desperdicio alimentario alcanza cifras importantes.
Neste escenario, e máis aló dos bos hábitos a adoptar por consumidores, industria alimentaria e restaurantes, a investigación en materia de bioeconomía e a procura de estratexias de valorización de residuos, constitúe un campo de investigación con grandes posibilidades. Así, o grupo de investigación BIOSAHE (Biocombustibles e Sistemas de Aforro Enerxético) da Universidade de Córdoba, traballa para establecer as mellores rutas de valorización da comida que se desperdicia nos restaurantes, buscando a máis eficiente e a que proporciona máis valor.
Tras analizar as sobras de comidas de restaurantes de diferentes categorías e especialidades, os científicos caracterizaron os seus compoñentes químicos principais, isto é, almidóns, proteínas, lípidos e fibras. Con este proceso preténdese saber que compostos e que cantidades están presentes nos desperdicios para relacionalos coa mellor opción de transformación.
Unha vez determinados os compostos químicos das sobras, efectuouse unha avaliación estatística para analizar a variabilidade (como varían os compostos e as cantidades duns desperdicios a outros).
Coñecendo as tipoloxías de compostos e a variabilidade, poderase predecir que proceso de valorización é máis óptimo en función do residuo, axudando na toma de decisións ás industrias que traballen dentro da economía circular.
Desta forma, as vidas posibles das sobras na restauración poden ir desde converterse en biodiésel ata en electricidade ou bioplásticos.
Fonte: UCO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación