- Trátase de Antigua e Barbuda, Barbados, Belice, República Dominicana, Guyana, San Cristóbal e Neves, Santa Lucía, Surinam e Trinidad e Tobago.
- O programa conta co apoio do GEF e da FAO, e terá unha duración de 5 anos.
- Nos pequenos Estados insulares en desenvolvemento xéranse diariamente 2,3 quilos de refugallos por persoa, 48% máis que o promedio dos países da OCDE, e gran parte dos mesmos proveñen do sector turístico.
- As localizacións remotas, a escaseza de terra, a falta de tecnoloxías axeitadas e de recursos económicos limitan en gran medida a posibilidade de levar a cabo unha correcta xestión do lixo.
- Un dos obxectivos da iniciativa global ISLANDS é a eliminación de máis de 9.000 toneladas de material contaminado e máis de 150.000 toneladas de lixo mariño da rexión caribeña.
Cerceda, a 2 de setembro de 2019.- Nove países do Caribe suman forzas para facer fronte á contaminación por axentes químicos e residuos tóxicos. Faranno a través da iniciativa global “Implementación dun desenvolvemento sostible baixo en químicos nos pequenos Estados insulares en desenvolvemento” (ISLANDS, en inglés), que conta co apoio do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Fondo para o Medio Ambiente Mundial (GEF), así como da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).
Antigua e Barbuda, Barbados, Belice, República Dominicana, Guyana, San Cristóbal e Neves, Santa Lucía, Surinam e Trinidad e Tobago son as nacións que participan neste programa.
Se ben a correcta xestión dos residuos constitúe unha prioridade en todo o mundo, no caso das nacións insulares increméntase exponencialmente debido ao seu rápido desenvolvemento, ao crecemento das súas poboacións e a que as maiores cantidades de bens importados exercen presión sobre as capacidades locais para a eliminación segura de axentes contaminantes.
Nos pequenos Estados insulares en desenvolvemento xéranse diariamente 2,3 quilos de refugallos por persoa, 48% máis que o promedio dos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), e gran parte dos mesmos proveñen do sector turístico.
Neste marco, o ministro de Desenvolvemento Sostible de Santa Lucía, Gale Rigobert, fixo fincapé na necesidade de dispoñer de tecnoloxías sostibles para o tratamento de residuos nas nacións insulares. Pola súa banda, o secretario executivo dos Convenios de Basilea, Rotterdam e Estocolmo, Rolph Payet, indicou que a iniciativa chega nun momento oportuno para contribuír a frear o tráfico ilegal de residuos e a acumulación de plástico nos océanos. As ubicacións remotas, a escaseza de terra, a falta de tecnoloxías axeitadas e de recursos económicos limitan en gran medida a posibilidade de levar a cabo unha correcta xestión dos residuos nas illas.
Un dos obxectivos do programa ISLANDS é a eliminación de máis de 9.000 toneladas de material contaminado e máis de 150.000 toneladas de lixo mariño da rexión caribeña.
Cunha duración de 5 anos, o programa reunirá aos gobernos e outros actores interesados para desenvolver e implementar lexislación rexional sobre a xestión de produtos químicos e residuos, incluída a eliminación de contaminantes orgánicos persistentes e pesticidas altamente perigosos, así como a mellor xestión de residuos electrónicos e vehículos para desguace.
Prevese tamén levar a cabo un control máis minucioso sobre a importación de produtos e apoiarase o deseño de sistemas sostibles de produción e consumos baseados na economía circular.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación