- Hoxe conmemórase o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, e, con tal motivo, a ONU urxe a adoptar medidas que permitan aproveitar ao máximo os alimentos que producimos, resultando fundamental incorporar tecnoloxías, solucións innovadoras, novas formas de traballar e boas prácticas
Cerceda, a 29 de setembro de 2023.- Co lema "Reducir a perda e o desperdicio alimentario: actuar para transformar os sistemas alimentarios", hoxe conmemórase o Día Internacional da Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, unha efeméride coa que se pretende facer un chamamento ao sector público e privado para establecer prioridades e avanzar coa innovación en prol duns sistemas alimentarios máis sostibles.
A nivel global, aproximadamente o 13 % dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda minorista. A itso súmase o feito de que en torno ao 17% da produción total de alimentos desperdíciase nos fogares, a restauración e o comercio polo miúdo. E isto é así cando o número de persoas afectadas pola fame a nivel mundial aumentou desde 2014.
Cando se perden ou se desperdician alimentos, desaprovéitanse todos os recursos que se utilizaron para a súa produción tales como a auga, a terra, a enerxía, a man de obra e o capital, coa particularidade de que a eliminación dos alimentos perdidos ou desperdiciados en vertedoiros xera emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), o que contribúe ao cambio climático.
Así mesmo, a perda e o desperdicio de alimentos tamén poden ter repercusións negativas na seguridade alimentaria e a dispoñibilidade de alimentos, e contribuír a aumentar o custo da alimentación.
Neste escenario, e máis cando quedan sete anos para alcanzar a meta 12.3 do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 12 (ODS), urxe adoptar medidas a escala mundial e local para aproveitar ao máximo os alimentos que producimos, resultando fundamental incorporar tecnoloxías, solucións innovadoras (en particular plataformas de comercio electrónico para a comercialización e sistemas de elaboración de alimentos replegables e móbiles), novas formas de traballar e boas prácticas con miras a xestionar a calidade dos alimentos e reducir as perdas e o desperdicio dos mesmos.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels