- O evento anual que organiza a Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) volve a celebrarse tras a súa suspensión, en 2020, por mor da COVID-19.
- Terá lugar do 30 de setembro ao 1 de outubro en Benidorm (Alacante) e contará coa presenza dos directivos das principais empresas do sector, expertos na conversión de residuos en recursos e unha ampla superficie expositora coas últimas novidades en tecnoloxía e maquinaria.
Cerceda, a 9 de setembro de 2021.- O Congreso anual da Recuperación e a Reciclaxe, organizado pola Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER), regresa con forza tras cancelarse o pasado ano por motivo da COVID-19.
A 18º edición, que terá lugar do 30 de setembro ao 1 de outubro en Benidorm (Alacante), xa supera amplamente o rexistro de inscricións alcanzado en 2019.
Ao respecto, Alicia García-Franco, directora xeral de FER, manifestou que “o número de inscricións xa supera nun 10% ás da anterior edición, polo que desde FER constatamos un gran interese por parte do sector recuperador de volver a ser partícipes deste evento e, sen dúbida, de converterse no gran punto de reencontro dos seus principais actores logo da pandemia causada polo coronavirus”.
O evento será inaugurado por Ana Pellicer, alcaldesa de Benidorm; Ión Olaeta, presidente de FER; e un representante da Generalitat Valenciana.
A primeira xornada estará conducida pola meteoróloga de Antena3, Mercedes Martín, licenciada en Ciencias Ambientais e Oceanografía, e experta en Comunicación Pública e Divulgación da Ciencia.
Tras o acto inaugural, terá lugar a conferencia maxistral “Vivir ou sobrevivir? Ti elixes”, do empresario, profesor e conferenciante Emilio Duró. A continuación, catro expertos da industria da reciclaxe participarán na mesa redonda “Futuras tendencias do noso sector”, que analizará as tendencias normativas e de mercado das materias primas secundarias.
Como peche, FER entregará os premios “Unha vida dedicada á recuperación” e “Nai Terra” na tradicional cea de gala. Estas prestixiosas distincións recoñecen, respectivamente, o labor desenvolvido polos profesionais do sector e por aquelas empresas ou institucións que destacan pola defensa dun desenvolvemento sostible.
Ao longo da segunda xornada do congreso, os responsables de FER realizarán unha visita aos stands das principais marcas do sector, que presentarán as novidades en tecnoloxía e maquinaria para mellorar as taxas de recuperación e reciclaxe de diferentes fluxos de residuos.
A Asemblea Xeral de FER porá o broche esta 18º edición do evento, cunha comida de despedida para os congresistas.
Para Ión Olaeta, presidente de FER, “o congreso non é xa só unha oportunidade única de establecer ou afianzar relacións comerciais e coñecer de primeira man cales serán os principais cambios normativos e as tendencias dos mercados para o noso sector, senón que logo dun ano no que sufrimos duramente as consecuencias económicas da pandemia da COVID-19, o evento servirá para iniciar, de forma presencial, a volta á normalidade e o comezo da senda da recuperación”.
Fonte e imaxe: FER