- Un total de 2.193 empresas no noso país aplicaron ata 9.380 medidas de ecodeseño para minimizar o impacto ambiental dos seus envases.
- Así mesmo, fomentar a circularidadepermitiu reintroducir 37.000 toneladas de materia prima reciclada na fabricación de novos envases
- Grazas a todas estas medidas conseguiuse reducir 104.556 toneladas de materias primas utilizadas na fabricación de envases, aforrando 11.229.202 MWh de enerxía e de 124.422.812 m3 de auga.
Cerceda, a 16 de decembro de 2021.- O deseño dos envases en base a criterios de sustentabilidade, fase onde se determina o 80% do seu impacto ambiental, é algo que leva máis de dúas décadas instaurado no noso país. A aposta polo ecodeseño, que busca facer os envases máis sostibles e cunha pegada ambiental o máis reducida posible, cobra aínda máis protagonismo como ferramenta coa que avanzar cara a un modelo de economía circular.
Proba disto é que, segundo o VII Plan Empresarial de Prevención (2018-2020) de Ecoembes, no últimos tres anos 2.193 empresas no noso país -o 52% delas pemes- aplicaron ata 9.380 medidas de ecodeseño para minimizar o impacto ambiental dos seus envases. De entre todas elas, a metade (4.470) destináronse a reducir ou eliminar o uso de plástico e outros materiais empregados na súa fabricación. Así, grazas a esas 4.470 medidas aforráronse máis de 49.000 toneladas de materias primas nos tres anos de duración deste Plan.
Outras das medidas que cada vez son máis adoptadas polas empresas son as relacionadas con fomentar a circularidade dos envases (1 de cada 5 medidas), ben facéndoos máis facilmente reciclables, ben reintroducindo material previamente reciclado nos mesmos. Neste sentido, xa se conseguiron reintroducir 37.000 toneladas de materia prima reciclada na fabricación de novos envases.
Por sectores, das 9.380 medidas do VII Plan, o 57% foron desenvolvidas no da alimentación, o 19% no do coidado persoal e do fogar, un 15% en equipamento do fogar, un 5% en motor e lecer e, o 4% restante, en téxtil e pel.
Grazas a todas elas, durante estes tres anos conseguiuse reducir 104.556 toneladas de materias primas utilizadas na fabricación de envases, aforrando 11.229.202 MWh de enerxía e 124.422.812 m3 de auga.
Desde 1999 implantáronse máis de 54.500 medidas que van desde a eliminación de material innecesario ata a reincorporación de plástico reciclado, entre outras, facendo posible que unha botella de auga pese un 18,4% menos que hai 20 anos e un bote de iogur sexa un 21% máis lixeiro. Isto permitiu que se aforrase un total de 607.971 toneladas de materia prima se evitase a emisión de 2.333.625 toneladas de CO2. Así mesmo, evitouse o consumo de máis de 24 millóns de Mwh de enerxía e aforráronse máis de 221 millóns de m3 de auga.
A INNOVACIÓN, UNHA ALIADA
Neste compromiso das empresas por avanzar cara a un modelo circular, a innovación preséntase como unha aliadoa clave para conseguir envases máis sostibles, ofrecendo metodoloxías novidosas para diminuír o seu impacto ambiental, mellorar a súa reciclabilidade ou buscar novos materiais sostibles para empregar na súa fabricación.
Para contribuír a isto, Ecoembes creou en 2017 TheCircularLab, o primeiro centro de innovación sobre economía circular de Europa, no que se investiga e traballan as mellores liñas de innovación no ámbito dos envases e o seu posterior reciclado desde diferentes áreas, sendo o ecodeseño una delas.
Fonte: Ecoembes
Imaxe: Pixabay