- Así se reflicte nos resultados da terceira enquisa do BEI sobre o clima.
- O 81% sinala o COVID-19 como o maior desafío ao que se enfronta actualmente o país, seguido do desemprego e a crise económica.
- O 79% móstrase a favor de que se adopten medidas públicas máis estritas que impoñan cambios no comportamento individual para facer fronte á crise climática.
Cerceda, a 26 de marzo de 2021.-A terceira enquisa do BEI (Banco Europeo de Investimentos) sobre o clima (decembro 2020) revela como a crise do COVID-19 inflúe na percepción dos cidadáns acerca da emerxencia climática. As principais conclusións da mesma son que:
- O 81% dos españois considera o COVID-19 como o maior desafío ao que se enfronta actualmente o país, seguido do desemprego e a crise económica.
- O 64% afirma que a recuperación económica posterior á pandemia debe ter en conta a emerxencia climática.
- O 79% móstrase a favor de medidas máis estritas que impoñan cambios no comportamento individual para facer fronte á crise climática.
COMPARATIVA EUROPA, EEUU E CHINA
O 73 % dos estadounidenses e o 72% dos europeos afirman agora que a crise sanitaria é o principal reto que afrontan os seus respectivos países. Só os enquisados chineses seguen considerando o cambio climático como o maior desafío do seu país (61%), lixeiramente por diante da pandemia do COVID-19 (59%).
O 57% dos enquisados europeos está a favor dunha recuperación económica que teña en conta a emerxencia climática. Pola súa banda, os estadounidenses están divididos case por igual entre apoiar unha recuperación verde (49 %) ou volver ao crecemento económico canto antes (51%), mentres que en China a maioría dos cidadáns (73%) apoian unha recuperación verde.
Así mesmo, o 66% dos europeos afirma que a UE está á vangarda na loita contra o cambio climático, e o 90 % dos chineses consideran que é o seu país o que está á cabeza. Pola súa banda, o 49 % dos estadounidenses cren que é EEUU quen lidera esta cuestión.
O 64 % dos españois considera que a recuperación económica debe ter en conta a emerxencia climática e, polo tanto, debe promover un crecemento económico con baixas emisións de carbono e con capacidade de adaptación aos cambios derivados do cambio climático; e o 66% afirma que é a UE a que está á vangarda desta loita, un dato similar ao da media europea.
O ano 2020 estivo marcado por unha serie de contundentes medidas adoptadas polos gobernos en resposta á crise do COVID-19, incluído o uso obrigatorio de máscaras, as medidas de confinamento e as restricións aos desprazamentos.
O 79% dos cidadáns españois móstrase a favor de que se adopten medidas públicas máis estritas que impoñan cambios no comportamento individual para facer fronte ao cambio climático (nove puntos por riba da media europea, do 70%).
Fonte: Compromiso RSE
Imaxe: Pixabay