- Este e outros resultados foron extraídos da enquisa anual sobre o clima publicada polo Banco Europeo de Investimentos (BEI)
- Así mesmo, o 88% considera que, se non reducimos drasticamente o noso consumo de enerxía e bens nos próximos anos, verémonos abocados a unha catástrofe mundial
Cerceda, ao 14 de decembro de 2022.- A teor dos resultados da enquisa anual sobre o clima publicada polo Banco Europeo de Investimentos (BEI), dous terzos dos españois consideran que a guerra de Ucraína e os elevados prezos da enerxía deberían acelerar a transición ecolóxica.
A modo de síntese, destácase que:
- O 69 % cre que a invasión rusa de Ucraína e as súas consecuencias deberían servir de impulso para a aceleración da transición ecolóxica
- O 88 % afirma que, se non reducimos drasticamente o noso consumo de enerxía e bens nos próximos anos, verémonos abocados a unha catástrofe mundial
- O 70 % esixe que se impoñan maiores sancións ás actividades contaminantes a fin de compensar o seu custo ambiental
- O 63 % quere que os prezos enerxéticos dependan do consumo, de modo que quen teña un consumo maior paguen máis
Tras un ano convulso marcado pola invasión rusa de Ucraína, a conseguinte crise enerxética e a inflación, os españois son máis conscientes do impacto do cambio climático e a necesidade imperante de actuar.
Aínda que o desemprego continúa a ser a principal preocupación para o 56%, o cambio climático sitúase inmediatamente despois das cuestións económicas e financeiras, e está a experimentar un rápido aumento (un 39 % considérao un dos principais desafíos, 10 puntos porcentuais máis que en 2021). Ademais, o 83 % recoñece agora notar os efectos do cambio climático na súa vida diaria (2 puntos porcentuais máis que o pasado ano).
O 88 % considera que, se non reducimos drasticamente o noso consumo de enerxía e bens nos próximos anos, verémonos abocados a unha catástrofe mundial.
Con respecto á clasificación das súas prioridades enerxéticas, os españois prefiren que o Goberno dea prioridade ao desenvolvemento das enerxías renovables (50 %).
O aforro enerxético constitúe outra das cuestións máis relevantes: un 19 % afirma que os cidadáns e as empresas deben esforzarse máis en reducir o seu propio consumo, idea especialmente estendida entre as xeracións máis novas (27 % dos enquisados de 15 a 29 anos).
Para reducir o consumo enerxético, os españois esixen que se impoñan maiores sancións ás actividades contaminantes co fin de compensar o seu custo ambiental (70 %). Tamén queren que os prezos enerxéticos dependan do consumo, de modo que quen teña un consumo maior pague máis (63 %).
Se os españois tivesen que diminuír a temperatura dos seus fogares este inverno, só un 16 % aceptaría non superar os 19 °C. Con todo, o 32 % recoñece que xa non pode permitirse quentar o seu fogar.
Fonte: Banco Europeo de Investimentos (O BEI é a entidade de préstamo da Unión Europea e o maior provedor de financiamento multilateral do mundo para proxectos de acción polo clima).
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación