- Os residuos procedentes de actividades de consumo ao aire libre, principalmente de alimentos e bebidas para levar listos para consumir, dominan amplamente no lixo global.
- As bolsas dun só uso, as botellas, os envases de comida e os envoltorios son os catro produtos máis contaminantes, acumulando case a metade de todos os obxectos atopados.
Cerceda, a 25 de xuño de 2021.- Un novo estudo, publicado na revista Nature Sustainability, indica que o 80% dos obxectos atopados no mar son de plástico, sendo este o material máis abundante, seguido, aínda que de lonxe, polo metal, vidro, roupa e téxtis, goma, papel e madeira procesada.
A maior proporción de plástico atópase nas augas superficiais (95%) e as costas (83%), mentres que os leitos dos ríos mostran a menor proporción (49%).
Os obxectos relacionados co fogar e a actividade industrial teñen especial relevancia nos fondos e ribeiras dos ríos. Pola súa banda, os residuos relacionados co consumo de tabaco (paquetes de cigarros, fundas plásticas e encendedores) están especialmente presentes en praias.
Aínda que o estudo utilizou unicamente datos anteriores á pandemia da Covid-19, artigos de orixe médica e hixiénica adoitan aparecer nos fondos mariños próximos á costa, sendo relacionados coas descargas a través dos inodoros.
Das 112 categorías de lixo utilizadas na análise, tan só 10 produtos plásticos representan as tres cuartas partes de todos os artigos atopados no mundo. Os residuos procedentes de actividades de consumo ao aire libre, principalmente de alimentos e bebidas para levar listos para consumir, dominan amplamente no lixo global.
As bolsas dun só uso, as botellas, os envases de comida e os envoltorios son os catro produtos máis contaminantes, acumulando case a metade de todos os obxectos atopados.
A produción irresponsable de artigos plásticos dun só uso, o comportamento inadecuado dalgúns usuarios e os fallos nos sistemas de recuperación conlevan unha fuga continua de plástico á natureza. Esta entrada, xunto coa persistencia do plástico, explica a esaxerada presenza deste material no océano.
DISTRIBUCIÓN DO PLÁSTICO NO MAR
Os plásticos de usar e tirar derivados do consumo en terra son os produtos máis frecuentes no lixo mariño a escala global. Con todo, a proporción de refugallos relacionados con actividade marítima aumenta nas zonas escasamente habitadas, ata o punto de chegar a ser o tipo de lixo predominante en alta mar e nas altas latitudes (> 50º).
Curiosamente, a composición do lixo na superficie do océano cambia de artigos de usar e tirar preto da costa, a un predominio de obxectos relacionados coa pesca en alta mar. A explicación mostrada polo estudo ten que ver co efecto do vento e a ondada, que varren ecurrentemente os obxectos flotantes cara ás costas.
Alí acaban sendo acumulados nos fondos próximos ou ben entran nun proceso acelerado de desgaste e rotura na costa, ata ser reducidos a fragmentos diminutos, os microplásticos. É entón, en forma de microplásticos, cando poden máis facilmente vencer á ondada, ser liberados a mar aberto, e entrar nos circuítos de transporte das correntes oceánicas.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels