- Así o indica o World Business Council for Sustainable Development (WBCSD), a organización de referencia no ámbito da sostibilidade empresarial no mundo.
Cerceda, a 22 de xaneiro de 2021.- Segundo datos do World Business Council for Sustainable Development (WBCSD), a organización de referencia no ámbito da sostibilidade empresarial no mundo, o 93% das empresas europeas cre que a economía circular é importante para o éxito do seu negocio no futuro e un 85% prevé realizar investimentos neste modelo.
A xuízo dos expertos que participaron na primeira edición de Economía EnCircular Open Week, as compañías deben integrar estratexias, procesos e ferramentas que garantan a súa competitividade nun mercado global, resultando clave a transición desde un sistema de produción e consumo lineal (extraer, fabricar, usar e tirar) a un circular (que aporta fórmulas para prolongar a vida económica útil dos materiais e os produtos, e impulsa as enerxías renovables); unha transformación que pasa inevitablemente por cambiar a forma en que deseñamos, producimos e usamos os produtos e servizos.
Os relatores deron a coñecer iniciativas que se están aplicando con éxito en diferentes rexións e países, como programas e axudas oficiais á innovación, investigación e ao deseño de novos modelos de negocio, incentivos para investimento en reconversión de procesos, instalacións e subministracións, e medidas fiscais ou apoios á formación e emprego de calidade.
A economía circular esixe un papel activo ao consumidor en dous sentidos: a reflexión sobre as necesidades reais de compra, reducindo o volume, e a aposta por solucións máis respectuosas co medio ambiente.
Pola súa banda, as empresas deben enfrontar a curto prazo un dos grandes retos como é a redución do uso de plásticos e a súa substitución por outro tipo de materiais máis sostibles
Unha das conclusións deste encontro é que os proxectos nos que se aplica un deseño circular son máis innovadores, minimizan os seus impactos negativos no medio ambiente e reforzan os positivos, ademais de cumprir co resto de requisitos técnicos, económicos, normativos e de funcionamento. E todo iso sen esquecer a súa funcionalidade en termos de transmisión de información e concienciación sobre novos hábitos de consumo e calidade na experiencia do usuario, imprescindibles para o seu éxito.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pixabay