- SIGRE lanza en Galicia unha nova campaña de concienciación e sensibilización.
- Baixo o lema “Di si ao medio ambiente, Di si a SIGRE”, a iniciativa presta especial atención ao uso axeitado dos antibióticos, ao necesario cumprimento dos tratamentos con estes medicamentos e á correcta xestión dos seus envases e residuos a través dos Puntos SIGRE.
- A nosa comunidade dispón de 1.334 Puntos SIGRE, ubicados nas farmacias da Comunidade, para poder realizar o reciclado destes residuos con todas as garantías sanitarias e ambientais que requiren.
- O 82% dos farmacéuticos afirma que a actitude cidadá cara ao reciclado de medicamentos mellorou e aumentou nos últimos tres anos.
- O botiquín da casa non debe ser un almacén cheo de restos de medicamentos de tratamentos finalizados ou abandonados.
Cerceda, a 24 de outubro de 2019.- Co obxectivo de seguir formando e concienciando á cidadanía sobre a importancia de xestionar correctamente os envases, tanto baleiros coma con restos de medicamentos, para protexer a saúde pública e o medio ambiente, SIGRE lanza unha nova campaña en Galicia baixo o lema “Di si ao medio ambiente, Di si a SIGRE”.
A iniciativa presta especial atención ao uso axeitado dos antibióticos, ao necesario cumprimento dos tratamentos con estes medicamentos e á correcta xestión dos seus envases e residuos a través dos Puntos SIGRE.
Segundo datos dos que dispón SIGRE, actualmente, e de xeito incorrecto, o 48% dos pacientes, ao finalizar ou abandonar un tratamento con antibióticos, garda os restos de medicación na caixa de primeiros auxilios da casa, co conseguinte risco derivado dunha automedicación inadecuada.
Galicia dispón de 1.334 Puntos SIGRE, ubicados nas farmacias da Comunidade, para poder realizar o reciclado destes residuos con todas as garantías sanitarias e ambientais que requiren.
Tras cumprir 17 anos desde que se implantaron os Puntos SIGRE nas farmacias de Galicia, o reciclado dos envases baleiros ou con restos de medicamentos asentouse plenamente e, a día de hoxe, o 86% dos fogares galegos colabora no reciclado destes residuos, contribuíndo así ao coidado da saúde pública e do medio ambiente.
Segundo a última sondaxe de opinión de SIGRE, o 82% dos farmacéuticos afirma que a actitude cidadá cara ao reciclado de medicamentos mellorou e aumentou nos últimos tres anos.
O BOTIQUÍN DOMÉSTICO NON É UN ALMACÉN DE MEDICAMENTOS
No botiquín doméstico debemos ter aqueles medicamentos prescritos para as enfermidades crónicas que padezan os membros da familia, e os necesarios para atender afeccións leves: analxésicos, antitérmicos, antiinflamatorios, para picaduras ou queimaduras, etc. Xunto a eles, debemos gardar materiais de cura e accesorios como tesoiras, pinzas, termómetros ou desinfectantes para feridas.
O botiquín doméstico non debe ser un almacén cheo de restos de medicamentos de tratamentos finalizados ou abandonados.
Con respecto a súa ubicación na casa, hai que procurar evitar que os medicamentos estean gardados en zonas nas que haxa cambios de temperatura bruscos e humidade, como adoitan ser a cociña e o cuarto de baño. Segundo os datos de SIGRE, o 56% dos fogares ten o costume de gardalos nestas estancias da casa.
Ademais, hai que revisalo un par de veces ao ano para retirar os medicamentos caducados e os que xa non se necesitan para levalos coa súa caixa ao Punto SIGRE. Segundo os datos aportados polos estudos de SIGRE, no 95% das ocasións que se realiza esta revisión atópase algún medicamento caducado.
O BLÍSTER, TAMÉN AO PUNTO SIGRE
O blíster é o envase por excelencia dos medicamentos. Das máis de 17.000 presentacións diferentes que a industria farmacéutica pon anualmente a disposición dos pacientes que o necesiten, o 67% utiliza o blíster como formato de envase.
Calquera blíster que conteña un medicamento, aínda que estea baleiro, pode conter trazas dese fármaco, polo que é necesario que reciba un correcto tratamento medioambiental. Por iso, desde SIGRE recórdase que os blísteres, baleiros ou con restos de medicamentos, sempre deben depositarse, coa súa caixa e prospecto, no Punto SIGRE da farmacia.
A industria farmacéutica deseña os seus envases para protexer as propiedades do medicamento, garantir a súa trazabilidade e asegurar a correcta dosificación, uso e conservación do mesmo.
Así mesmo, para que estes envases de medicamentos sexan cada vez máis ecolóxicos e se reduza o seu impacto ambiental, a industria farmacéutica leva anos aplicando medidas de prevención e ecodeseño. Grazas a estas medidas, logrou diminuír o peso e/ou volume de 1 de cada 4 envases que actualmente se comercializa no noso país.
Fonte e imaxe: SIGRE