- Recentemente, e no marco do programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, preto de 250 escolares deste centro, así como 13 docentes, foron instruídos na reciclaxe por parte de educadores da Sociedade Galega do Medio Ambiente
- A xestión sostible dos residuos municipais e a aplicación diaria do principio das tres erres, centraron en boa medida a xornada, deixando un espazo para que os alumnos/as puidesen trasladar as súas preguntas e consultas, así como dar conta dos seus intereses, orientados especialmente cara á compostaxe da materia orgánica
Cerceda, a 7 de febreiro de 2023.- En días pasados, preto de 250 alumnos e 13 docentes do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo foron instruídos por educadores de Sogama na xestión sostible dos residuos municipais. A xornada enmarcábase no programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, no que este centro participa, xunto con outros 19 colexios de distintos puntos de Galicia, sendo o seu obxectivo explicar a escolares e profesores a problemática que representa a alta produción de residuos nas sociedades modernas e a importancia que ten aplicar cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Tamén deron a coñecer os pormenores da actividade industrial desta empresa pública, orientada a posibilitar a reciclaxe de todos os materiais susceptibles de ser convertidos en novos produtos e valorizar enerxeticamente a parte non reciclable, transformándoa en electricidade. De feito, a partir da fracción resto, Sogama produce a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Logo das explicacións, abriuse un espazo para preguntas e consultas, onde os pequenos tiveron ocasión de resolver dúbidas e tamén transmitir os seus intereses que, curiosamente, estaban especialmente centrados na compostaxe da materia orgánica, tanto a nivel industrial como doméstico. Desta forma, mostráronse entusiasmados coa chegada do contedor marrón aos municipios, xa que isto permitirá aos habitantes dos núcleos de poboación máis urbanos contribuír á transformación dos restos orgánicos en compost, un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para a agricultura e xardinería.
Tamén manifestaron estar convencidos das grandes bondades que ten a compostaxe doméstica, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, xa que a reciclaxe da materia orgánica ten lugar na propia vivenda, dando como resultado un compost de alta calidade que o usuario aplica na horta, xardín e/ou terras de cultivo, pechando o círculo de aproveitamento dos restos orgánicos, que regresan á terra para posibilitar unha nova vida.
O grao de atención e implicación dos escolares na sesión formativa foi tal, que mesmo achegaron novas e interesantes ideas no ámbito da reutilización e a reciclaxe.
SEGUIMENTO
A partir deste intre, os monitores de Sogama farán un seguimento do traballo realizado polo centro no marco do seu proxecto de reciclaxe, prevendo novas visitas presenciais a través das cales analizarán a evolución do mesmo, corrixirán posibles desviacións e prestarán o asesoramento necesario para que o resultado sexa plenamente satisfactorio.
A final de curso, o docente coordinador de Recíclate con Sogama neste colexio, coa colaboración do resto do profesorado participante, será o encargado de preparar a memoria final, que debe presentar, para a súa análise e cualificación, a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación