- Educadores de Sogama impartiron neste centro dúas sesións formativas centradas na xestión sostible dos residuos urbanos, convidándolles a reflexionar sobre o negativo impacto, tanto ambiental como económico e social, que trae consigo a elevada xeración de lixo
- O equipo docente do centro quere que o seu alumnado non esqueza as boas prácticas ambientais durante a época estival, que continúe preocupándose por manter a contorna limpa e saudable, e que utilice os recursos de forma responsable.
Cerceda, a 20 de xuño de 2022.- Apurando xa os últimos días lectivos, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) solicitou a Sogama a impartición de sesións formativas dirixidas aos alumnos de ESO para convidarlles a reflexionar sobre o negativo impacto, tanto ambiental como económico e social, que trae consigo a elevada xeración de residuos e como deben ser xestionados e tratados para que, lonxe de ser un problema, se convertan nunha oportunidade.
A piques de concluír o curso académico, a Dirección do centro quixo que os estudantes, especialmente de 1º e 2º de ESO, refresquen os seus coñecementos sobre a forma de reducir a produción de refugallos en orixe, como alongar a vida útil dos produtos e como seleccionalos, unha vez convertidos en residuos, para que poidan ser recuperados a través da reciclaxe, encargándose Sogama de valorizar enerxeticamente a fracción non reciclable para convertela en electricidade.
O equipo docente do centro quere que o seu alumnado non esqueza as boas prácticas ambientais durante a época estival, que continúe preocupándose por manter a contorna limpa e saudable (a cidade, a praia, o campo, o río, a natureza, etc), e que utilice os recursos de forma responsable.
Pola súa banda, Sogama anímaos a levar a cabo unha tarefa educativa na súa contorna máis inmediata, instruíndo e sensibilizando ás súas familias e amigos na importancia que ten participar activamente na correcta xestión dos refugallos para que estes teñan unha nova vida.
AUTOXESTIÓN DA MATERIA ORGÁNICA, TODO VANTAXES
Tamén se lembraron as vantaxes que trae consigo a compostaxe doméstica e a oportunidade que representa para a menor produción de residuos, toda vez que unha porcentaxe importante queda nas propias vivendas para ser transformada en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo ao achegarlle nutrientes e ao protexelo mesmo fronte a pragas e enfermidades.
Monforte de Lemos atópase adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama e, no marco do mesmo, a empresa pública subministrou ao Concello, e de forma gratuíta, un total de 225 composteiros, que foron entregados noutras tantas vivendas unifamiliares para facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso de valorización da materia orgánica xerada nos fogares.
Saúdos, Departamento de Comunicación