- Impulsado por esta empresa pública, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través deste certame recoñécense os mellores carteis escolares sobre reciclaxe.
- Pintor Laxeiro logrou o primeiro galardón nas categorías de 1º e 2º ciclo de primaria co traballo “Reciclar é o camiño”, así como o terceiro na categoría de 3º ciclo, co cartel “Ecolaxeiros, construíndo camiños”.
- Os primeiros premios en cada categoría están dotados cunha achega económica de 1.000 euros cada un; o segundo, con 600; e, o terceiro premio, con 300 euros. Todos os galardóns están acompañados do diploma correspondente.
- Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o programa Recíclate con Sogama ten por obxecto implantar a recollida selectiva de residuos nas aulas e propiciar que os pequenos leven a cabo unha tarefa educativa na súa contorna familiar e social máis inmediata.
Cerceda, a 25 de xuño de 2021.- O CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo foi recoñecido con tres premios no marco do programa escolar “Recíclate con Sogama” 2020-2021, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
O concurso, promovido por Sogama, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contemplou a elaboración de carteis orientados a promover a reciclaxe e a espertar conciencias ao redor da necesidade de protexer o medio ambiente a través da correcta segregación de residuos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes.
O xurado, conformado por representantes de Sogama e a Consellería de Educación, valorou especialmente a capacidade de difusión do concepto de reciclaxe e os seus beneficios ambientais para lograr unha contorna máis limpa e saudable.
Pintor Laxeiro fíxose co primeiro premio nas categorías de 1º e 2º ciclo de primaria, presentando en ambos os dous casos senllos carteis baixo o título “Reciclar é o camiño”. Os de primeiro ciclo pretendían transmitir que o camiño para que a Terra non perda a súa vida e colorido é a reciclaxe, e para percorrer ese camiño hai que subir banzos, que representan aos distintos contedores.
Os de segundo ciclo seguiron esta mesma liña a través dun mural que representa ao planeta emerxendo de entre unha serie de círculos de cores que tamén simbolizan os diferentes contedores.
Pola súa banda, o terceiro ciclo de primaria, que obtivo o terceiro premio co traballo “Ecolaxeiros, construíndo camiños”, quixo deixar constancia de que un dos itinerarios a seguir é o da reciclaxe, que debemos facer todos xuntos para alcanzar a meta: salvar ao planeta.
Os galardóns están dotados con achegas económicas realizadas por Sogama: 1.000 euros para os primeiros premios, 600 para os segundos e 300 euros para os terceiros. Os importes deben destinarse á adquisición de material didáctico para o centro, ou ben a investimentos en recursos educativos.
O colexio vigués recibiu un montante total de 2.300 euros, ademais dos diplomas correspondentes.
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
En vigor desde o curso académico 2012-2013, Recíclate con Sogama é un programa educativo a través do cal se pretende instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar á comunidade educativa na cultura da reciclaxe.
Con tal fin, Sogama proporciona aos centros participantes diversos medios materiais tales como contedores de cores que conforman as denominadas illas de reciclaxe e composteiros para aqueles que dispoñen de servizo de comedor e terreo no que aplicar o abono resultante.
Educadores ao servizo desta empresa pública encárganse de impartir en cada colexio sesións formativas presenciais, que se complementan con distintos soportes pedagóxicos de apoio tales como xogos (físicos e en liña), presentacións, vídeos e material didáctico de diversa tipoloxía.
Así mesmo, realizan visitas periódicas de seguimento a cada centro para comprobar a evolución dos seus proxectos, orientados a potenciar a reciclaxe, posibilitando que as boas prácticas traspasen as fronteiras escolares e que os peguenos sirvan mesmo de prescritores nos seus respectivos fogares.
A última visita, efectuada o pasado mes de maio, contemplou tamén a realización de caracterizacións dos residuos depositados nos contedores que conforman as illas de reciclaxe para comprobar o nivel de acerto, ou de desacerto, é dicir, as porcentaxes de elementos propios e impropios. Un dato que tamén se terá en conta á hora de avaliar as memorias que os centros participantes deben presentar proximamente a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta.
Ata o de agora, participaron nesta iniciativa da orde de 130 centros escolares e moitos deles quixeron repetir a experiencia en cursos posteriores. O número de alumnos atendidos por este programa superan xa os 38.000.
Saúdos, Departamento de Comunicación