- A día de hoxe, Sogama repartiu máis de 350 composteiros entre 25 colectivos de distintos puntos de Galicia: desde asociacións veciñais e de mulleres rurais ata centros ocupacionais para persoas con discapacidade, centros penais, culturais, etc.
- Máis aló dos seus beneficios ambientais, os representantes das distintas entidades participantes valoran de forma moi positiva a elaboración de compost como actividade a incluír nos propios itinerarios formativos dos usuarios.
Cerceda, a 26 de abril de 2021.- O Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde, pertencente ao municipio de Begonte, na provincia de Lugo, foi un dos últimos colectivos sociais en sumarse ao programa de autocompostaxe de Sogama.
Ademais das solicitudes cursadas polos propios Concellos e centros educativos, esta empresa pública tamén quere inculcar as boas prácticas vinculadas á compostaxe da materia orgánica entre os integrantes de colectivos sociais de distinta tipoloxía: desde asociacións veciñais e de mulleres rurais ata centros ocupacionais para persoas con discapacidade, centros penais, culturais, etc.
A día de hoxe, son 25 os grupos destas características, asentados en distintos puntos de Galicia, os que se atopan adscritos a esta iniciativa. Todos eles contan con servizo de comedor e terreo no que aplicar o abono resultante, servindo o propio proceso de autocompostaxe como actividade a incluír no itinerario formativo e de concienciación dos usuarios no eido da sostibilidade.
Os representantes dos distintos centros valoran de forma moi positiva esta experiencia, xa que, ademais de instruír aos participantes na técnica de transformación da materia orgánica en abono de calidad, tamén os motiva á hora de coidar os xardíns e hortas, nas que cultivan distintos produtos: desde froitas e verduras ata hortalizas e mesmo, nalgúns casos, plantas aromáticas.
Saúdos, Departamento de Comunicación