- Os estudantes realizaron unha visita ao Complexo industrial desta Sociedade pública en Cerceda para coñecer, a través de realidade virtual e a pé de obra, a súa operativa
Cerceda, a 11 de abril de 2024.- Estudantes do Ciclo Superior de Laboratorio Clínico e Biomédico do Centro de Formación Profesional Cruz Vermella A Coruña, visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a súa operativa e, sobre todo, os controis ambientais que a empresa leva a cabo para garantir a plena compatibilidade da súa actividade industrial coa protección da contorna e a saúde pública.
Recibiron unha sesión informativa e formativa a cargo de técnicos e, despois da mesma, efectuaron unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense para coñecer as funcionalidades de cada unha e como se integran no proceso de tratamento de residuos, orientado a recuperar os materiais susceptibles de ser reciclados para remitilos á industria recicladora e a valorizar enerxeticamente a parte non reciclable, converténdoa en electricidade.
Logo do percorrido virtual, tiveron a oportunidade de realizar un físico e guiado por algunhas das plantas que integran o Complexo a fin de comprobar a súa magnitude. O peche da xornada tivo carácter lúdico, poñendo a proba os seus coñecementos sobre selección de residuos a través das máquinas de xogos arcade.
Saúdos, Departamento de Comunicación