- Promovida pola Xunta de Galicia, a través da GAIN, terá lugar o próximo 22 de xuño con carácter exclusivamente presencial
- Na mesma participarán expertos na materia e entidades galegas que traballan na procura de alternativas sostibles no campo dos polímeros
Cerceda, a 19 de xuño de 2023.- O próximo 22 de xuño, o CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) acollerá unha xornada, exclusivamente presencial, centrada nos “Retos na valorización de residuos plásticos”, que promove a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
O evento enmárcase no plan de actividades previsto pola Materioteca de Galicia para o ano 2023.
Expertos e entidades galegas que traballan na procura de alternativas sostibles no campo dos polímeros, exporán e discutirán as diferentes perspectivas e solucións innovadoras no campo da valorización dos residuos plásticos.
Relatorios
A xornada arrincará coa intervención de Santiago Nieto, da GAIN, quen falará dos plásticos sostibles na Materioteca de Galicia. Seguiralle Hugo Vila, da Asociación Profesional de Empresas Ambientais (APROEMA), que dará a coñecer as experiencias e avances das entidades que conforman esta organización na revalorización dos residuos plásticos en Galicia, achegando ao mesmo tempo información sobre os desafíos e as oportunidades existentes na nosa comunidade.
Maruxa Pérez, da consultora Estratexia e Xestión Ambiental, S.L (ESGAM) centrará a súa intervención na xestión dos residuos plásticos procedentes do sector agrícola, e Javier Grau, do Instituto Tecnolóxico do Plástico (AIMPLAS), compartirá as conclusións do proxecto REPESCA_PLAS: Valorización de residuos plásticos procedentes do mar.
Pola súa banda, María Mozo, de AIMPLAS, deterase en explicar as vantaxes que achegan os plásticos biobasados en contraposición aos convencionais, e todo isto no marco das certificacións que se esixen a estes materiais para ser admitidos nos mercados.
Para finalizar, Deborah García Belo, química, escritora, divulgadora científica e investigadora, achegará unha visión xeral sobre o presente e o futuro da valorización de residuos plásticos.
https://www.materioteca.gal/wp-content/uploads/2023/06/ProgramaValorizacionPlasticos_es_web.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación