- Terá lugar o próximo 18 de outubro, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC
- O evento servirá de plataforma para compartir avances tecnolóxicos e experiencias exitosas, ademais de actuar como catalizador de iniciativas orientadas ao fomento do desenvolvemento sostible
- Tamén levará a cabo a primeira edición dos Premios Viratec, que recoñecerá as mellores actividades de innovación e investigación desenvolvidas durante os anos 2023 e 2024 polas entidades asociadas
Cerceda, a 15 de outubro de 2024.- Co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular celebra o I Foro Viratec de Innovación Sostible, que terá lugar o próximo 18 de outubro, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela.
O evento servirá de plataforma para compartir avances tecnolóxicos e experiencias exitosas, ademais de actuar como catalizador de iniciativas orientadas ao fomento do desenvolvemento sostible. Con itso preténdese mostrar o compromiso das empresas e organizacións coa responsabilidade social e ambiental, transmitindo á sociedade a importancia da innovación á hora de mellorar a calidade ambiental e mitigar o cambio climático.
No transcurso deste Foro, tamén se levará a cabo a primeira edición dos Premios Viratec, que recoñecerán as mellores actividades de innovación e investigación desenvolvidas durante os anos 2023 e 2024 polas entidades asociadas ao Clúster que propoñan solucións ambientais no marco da economía circular orientadas ao desenvolvemento de novos produtos, servizos ou procesos.
Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, será a encargada de abrir o evento, á que seguirá un relatorio sobre as cidades e a auga, así como a presentación de candidaturas á categoría de premios ‘Gran Empresa‘.
Logo dunha pausa, o Foro retomarase coa presentación de candidaturas á categoría ‘Pequena Empresa‘ e unha mesa redonda sobre os ‘Retos ambientais de Galicia en materia de Auga’.
Xa na xornada de tarde, abordarase o novo marco legal autonómico en materia ambiental e a presentación de candidaturas á categoría ‘Centro de Coñecemento’. Despois dunha segunda mesa redonda centrada nos
Retos e Oportunidades da dixestión anaerobia de residuos orgánicos, procederase á entrega de galardóns e clausura do acto.
Máis información en viratec.gal
Fonte e imaxe: Viratec