- Obtivo o galardón polo seu cartel “Recicla para salvar o medio ambiente”, elaborado polos alumnos de 6º curso.
- A través deste traballo queren animar á poboación a separar en orixe os residuos e a depositalos nos distintos contedores de recollida selectiva para propiciar o seu posterior reciclado.
- O premio traduciuse nunha dotación económica de 600 euros para investir en material educativo, así como un diploma acreditativo.
- En vigor desde o curso académico 2012.-2013, Recíclate con Sogama é un programa educativo, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, mediante o cal se pretende instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar á comunidade educativa na cultura da reciclaxe.
Cerceda, a 6 de xullo de 2021.- O colexio “Divina Pastora-MM Franciscanas” de Ourense foi recoñecido co segundo premio no concurso escolar enmarcado no programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021, tendo recibido unha dotación económica de 600 euros para investir en material educativo, así como un diploma acreditativo.
O certame, promovido conxuntamente por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, tiña por obxecto a elaboración de carteis centrados na promoción da reciclaxe e a necesidade de concienciar á cidadanía para que leve a cabo unha correcta separación dos residuos en orixe, procedendo ao seu posterior depósito nos distintos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
Baixo o título “Recicla para salvar o medio ambiente”, o cartel reproduce os distintos contedores nos que se poden ver distintos grupos poboacionais colaborando no sistema: un mozo que deposita papel no contedor azul; unha anciá que introduce unha lata no amarelo; un neno que lanza unha botella de vidro ao iglú verde; e unha nena que deposita un anaco dunha mazá no contedor da fracción resto.
Con iso, os escolares de 6º curso deste centro ourensán queren animar ao conxunto da sociedade a participar activamente na recollida segregada de refugallos, pero, máis aló de plasmar a súa mensaxe en carteis ou outro tipo de material divulgativo, tamén queren servir de exemplo a seguir. É o caso do grupo “Os Ecovixiantes” que, da man do seu profesor González Sánchez Busóns, realizan actividades semanais vinculadas á protección do medio ambiente: recollida de residuos en contornas naturais, recollida de cabichas a pé de rúa, campañas de sensibilización na cidade e mesmo manifestacións a través das cales demandan maior implicación da veciñanza nunha xestión máis sostible dos residuos.
O xurado, conformado por representantes de Sogama e a Consellería de Educación, rexeuse por unha serie de criterios á hora de valorar as candidaturas: calidade do traballo, creatividade e orixinalidade, mensaxe ambiental para lograr un impacto positivo na concienciación da poboación, así como a claridade na redacción do texto descritivo para facilitar a súa comprensión.
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
En vigor desde o curso académico 2012.-2013, Recíclate con Sogama é un programa educativo, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, mediante o cal se pretende instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar á comunidade educativa na cultura da reciclaxe.
Con tal fin, Sogama proporcionou aos centros participantes diversos medios materiais tales como contedores de cores que conforman as denominadas illas de reciclaxe e composteiros para aqueles que dispoñen de servizo de comedor e terreo no que aplicar o abono resultante.
Educadores ao servizo desta empresa pública encargáronse de impartir sesións formativas presenciais en cada un dos colexios, sendo complementadas con distintos soportes didácticos e divulgativos de apoio tales como xogos (físicos e en liña), presentacións e vídeos, entre outros.
Así mesmo, viñeron realizando visitas periódicas de seguimento a cada centro para comprobar a evolución dos seus proxectos, orientados a potenciar a reciclaxe máis aló do ámbito escolar e posibilitando que os pequenos tamén leven a cabo unha tarefa de sensibilización na súa contorna familiar e social máis inmediata.
Ata o de agora, participaron nesta iniciativa da orde de 130 centros educativos e moitos deles quixeron repetir a experiencia en cursos posteriores, como é o caso do colexio Divina Pastora de Ourense, ao que Sogama agradece o seu traballo e gran compromiso ambiental.
O número de escolares atendidos por este programa superan xa os 38.000.
Saúdos, Departamento de Comunicación