- Obtivo o primeiro premio na categoría de 3º ciclo de primaria co seu cartel sobre reciclaxe bautizado co lema: “Ti tes a chave do cambio. Recicla!”.
- O galardón consiste nunha dotación económica de 1.000 euros para material didáctico e/ou accións educativas, e un diploma de recoñecemento.
- O centro participou no programa “Recíclate con Sogama” durante o curso académico 2020-2021, distinguíndose en todo momento polo seu gran interese, a súa elevada implicación e o seu encomiable compromiso ambiental.
Cerceda, a 23 de xuño de 2021.- O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove (Lugo) fíxose co primeiro premio do concurso de carteis sobre reciclaxe enmarcado no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2020-2021.
En concreto, o traballo galardoado, que leva por título “Ti tes a chave do cambio. Recicla!”, corresponde á categoría de terceiro ciclo de primaria e está dotado cunha achega de 1.000 euros para a adquisición de material didáctico e/ou o desenvolvemento de accións educativas, así como un diploma de recoñecemento.
O concurso, promovido por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, tiña por obxecto a elaboración dun cartel orientado a promover a reciclaxe na nosa comunidade. O xurado, conformado por representantes de ambas as dúas entidades, rexeuse por unha serie de criterios á hora de valorar as candidaturas: calidade do traballo, creatividade e orixinalidade, mensaxe ambiental para lograr un impacto positivo na concienciación da poboación, así como a claridade na redacción do texto descritivo para facilitar a súa comprensión.
Co seu cartel, os escolares de 6º de primaria deste centro lucense pretendían transmitir que calquera cidadán/á pode contribuír a conservar e mellorar o medio ambiente se ten vontade para facelo. E esta é, ao seu xuízo, a chave que permite abrir o candado, que non é outro que as dificultades, a comodidade, os temores, … Consideran que, cun simple xesto como é separar os residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes, estaremos a axudar a protexer a contorna e, por tanto, a nosa saúde. Urxen a propiciar o cambio antes de que sexa demasiado tarde.
Culminan o seu relato cunha mensaxe clara: “Ti tes o poder de decidir, ti tes a chave do cambio. Anímaste?”
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
En vigor desde o curso académico 2012.-2013, Recíclate con Sogama é un programa educativo, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, mediante o cal se pretende instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar á comunidade educativa na cultura da reciclaxe.
Con tal fin, Sogama proporcionou aos centros participantes diversos medios materiais tales como contedores de cores que conforman as denominadas illas de reciclaxe e composteiros para aqueles que dispoñen de servizo de comedor e terreo no que aplicar o abono resultante (é o caso do CEIP Pedro Caselles).
Educadores ao servizo desta empresa pública encargáronse de impartir sesións formativas presenciais en cada un dos colexios, sendo complementadas con distintos soportes didácticos e divulgativos de apoio tales como xogos (físicos e en liña), presentacións e vídeos, entre outros.
Así mesmo, viñeron realizando visitas periódicas de seguimento a cada centro para comprobar a evolución dos seus proxectos, orientados a potenciar a reciclaxe máis aló do ámbito escolar e posibilitando que os pequenos tamén leven a cabo unha tarefa de sensibilización na súa contorna familiar e social máis inmediata.
A última visita, efectuada o pasado mes de maio, contemplou igualmente a realización de caracterizacións dos residuos depositados nos contedores que conforman as illas de reciclaxe para comprobar o nivel de acerto, ou de desacerto, é dicir, as porcentaxes de elementos propios e impropios. Un dato que, en todo caso, terase en conta á hora de avaliar as memorias que os centros participantes deben presentar proximamente a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta.
Ata o de agora, participaron nesta iniciativa da orde de 130 centros educativos e moitos deles quixeron repetir a experiencia en cursos posteriores. O número de escolares atendidos por este programa superan xa os 38.000.
Desde Sogama agradecemos o bo facer do CEIP Pedro Caselles Rollán, o seu interese no programa, o seu traballo incansable e responsable, e o seu encomiable compromiso ambiental. Así mesmo, agradecemos a gran implicación da coordinadora do programa neste centro, á súa vez xefa de estudos, Marta Álvarez Fernández.
Saúdos, Departamento de Comunicación