- Baixo o título “A compostaxe a escala local: compartindo experiencias”, terá lugar nas oficinas da Sociedade, en Cerceda, o próximo 4 de xullo, de 10:00 a 14:30 horas.
- O acto inaugural correrá a cargo do presidente de Sogama e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.
- A subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia será a encargada de pronunciar a conferencia marco, á que seguirán as intervencións de representantes da Deputación Provincial de Ourense e os concellos de Carballo e As Pontes.
- Así mesmo, o director da Sociedade de Actuacións Medioamientais (Limonium), con sede en Tarragona, exporá casos prácticos de compostaxe doméstica e industrial e os seus resultados.
- O broche final da secuencia de intervencións virá da man dun portavoz de Lipor para falar da valorización da materia orgánica nesta entidade portuguesa.
- A xornada culminará cunha visita guiada á nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa.
Cerceda, a 27 de xuño de 2019.- As dependencias do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) acollerán o próximo 4 de xullo, entre as 10:00 e as 14:30 horas, un workshop que, baixo o título “A compostaxe a escala local: compartindo experiencias”, enmárcase no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, que lidera a Universidade do Minho e do que Sogama forma parte en calidade de socio.
É o segundo workshop destas características que Sogama leva a cabo en Galicia co fin de contribuír a dar resposta ao espírito de Res2ValHum, que non é outro que poñer en valor a materia orgánica a ambos os dous lados da fronteira a través de diferentes aplicacións e evitar o seu vertido. O primeiro, cunha excelente acollida, celebrouse na cidade de Vigo, dando cobertura á zona sur da comunidade galega.
Tralo rexistro e a entrega de documentación, ás 10:00 horas terá lugar o acto inaugural, que correrá a cargo do presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen estará acompañado polo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.
A conferencia marco será pronunciada por Verónica Tellado, subdirectora xeral de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, quen falará das particularidades do plan galego de xestión de residuos, a folla de ruta a seguir en materia de compostaxe e os obxectivos futuros nun marco de economía circular.
APRENDENDO A TRAVÉS DO INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS
Tras unha pausa café, abordarase o bloque de experiencias prácticas en compostaxe doméstica e industrial en Galicia, coas achegas de representantes da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Carballo e o Concello das Pontes de García Rodríguez. As tres entidades darán conta dos seus proxectos, como evolucionaron, con que dificultades se atoparon e como as solventaron a fin de que a compostaxe doméstica se vaia afianzando nas súas respectivas áreas de influencia.
Pola súa banda, Eduardo Soler, Director da Sociedade de Actuacións Medioambientais Limonium, con sede en Tarragona, explicará como está encaixando o compostaxe, tanto doméstica como industrial, en determinados municipios desta provincia catalá, e o grao de éxito da distintas iniciativas desenvolvidas.
Portugal terá voz a través do Dr. Joao Graça, quen falará da estratexia de Lipor na valorización da materia orgánica.
INNOVACIÓN TECNOLÓXICA A PÉ DE OBRA
Tralo coloquio e quenda de preguntas, os que así o desexen terán a oportunidade de visitar a nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, e que entrou en operación o pasado mes de novembro, posibilitando, coa incorporación das mellores tecnoloxías dispoñibles, e en liña coa industria 4.0, a selección automática de 11 tipoloxías de residuos para propiciar o seu reciclado.
Esta instalación, que forma parte do proxecto de ampliación do complexo cercedense, do mesmo xeito que a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, fará posible que Sogama poida tratar en condicións óptimas os residuos producidos polos 295 concellos adscritos ao seu modelo, ademais de multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro ata chegar en 2020 ao vertido técnico cero.
Para consultas, chamar aos teléfonos 981698511/12.
Para formalizar inscricións en: http://www.sogama.gal/formulario/formulario.php
SOBRE RES2VALHUM
Enmarcado no programa de cooperación transfronteriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Res2ValHum culminará a súa andaina a finais deste mesmo ano.
Liderado pola Universidade do Minho, participan no mesmo, en calidade de socios, Lipor, CVR e Braval, por parte de Portugal, e Sogama, CVAN e USC, por Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación