- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, enxalzou a operativa desta infraestrutura industrial ao longo de dúas décadas, poñendo en valor máis de 10 millóns de toneladas de residuos urbanos.
No marco do acto conmemorativo do 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, enxalzou a operativa desta infraestrutura industrial, que logrou poñer en valor máis de 10 millóns de toneladas de lixo, permitindo que a comunidade galega dera un salto, tanto cuantitativo como cualitativo, na xestión dos residuos urbanos, facéndoa infinitamente máis sostible.
No transcurso da súa intervención, aplaudiu a valentía de todos os que creron e apostaron firmemente por poñer en marcha un modelo de xestión público-privado que demostrou ser no seu sector “o mellor de Galicia, o mellor de España e hoxe o mellor de Europa”.
Así mesmo, Domínguez agradeceu o apoio dos accionistas (Xunta de Galicia e Naturgy), así como a dedicación dos centos de persoas que desempeñan en Sogama o seu labor e se esforzan para que os residuos xerados cada día por máis de 2.242.000 habitantes se transformen en recursos.
“Este Complexo Medioambiental, que xa superou a maioría de idade e entrou nesa fase de madurez na que gañou sabedoría e destreza, ten aínda moita tarefa por diante e augurámoslle unha longa vida”, ao que engadiu que “hoxe é máis grande, máis robusto e máis eficiente, sendo tamén o espello no que se miran moitos países de distintos partes do mundo”.