- A pesar do impacto da covid na hostalería, responsable da xeración de máis do 50% deste tipo de residuos, os fogares galegos reciclaron máis vidro durante o ano pasado, o que permitiu paliar a notable caída do consumo de envases
- Os galegos achegaron en 2020 a través dos contedores verdes case 50.000 toneladas deste tipo de refugallos, unha media de 18,3 kg por cada habitante
- Ecovidrio tamén puido recuperar 20.600 toneladas deste material procedentes do complexo de Sogama en Cerceda, o que supuxo un 8,5% máis que o ano anterior
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021.- Cada galego depositou durante o ano pasado unha media de 63 envases de vidro nos contedores verdes, unha cifra superior á media española (61 por persoa) e que supón ademais unha mostra do compromiso crecente coa recollida selectiva da cidadanía galega, que nun ano marcado pola covid conseguiu seguir reciclando máis e mellor.
Neste sentido, cómpre lembrar que, a pesar do impacto que supuxo a pandemia para a actividade hostaleira, un sector tradicionalmente responsable de máis do 50% dos envases de vidro do mercado, a nivel doméstico a reciclaxe deste tipo de material aumentou.
De feito, estudos encargados por Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro que xestiona o reciclado deste tipo de residuos en España, conclúen que durante o pasado exercicio os cidadáns consumiron máis vidro nos seus fogares que outros anos, pero tamén o reciclaron con maior intensidade. Este comportamento explica que, fronte a un descenso estimado nun 11% da circulación deste tipo de envases a nivel nacional, a caída do material recollido a través do contedor verde na Comunidade foi de tan só un 5%.
En concreto, os cidadáns galegos depositaron de forma separada case 50.000 toneladas de envases de vidro (49.380 toneladas) o que supuxo por termo medio uns 18,3 kg por habitante, é dicir, medio quilo máis que a media española.
En todo caso, cómpre resaltar que o ano pasado se puideron recuperar a maiores outras 20.600 toneladas de vidro procedentes da bolsa negra e que foron recuperadas no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda co fin de reintroducilas no ciclo produtivo como material para fabricar novos envases. Este dato supuxo un incremento do 8,5% respecto ao do ano anterior, cando as achegas de vidro de Sogama foron de 18.999 toneladas.
A estas cifras contribuíu tamén a presencia dunha rede en constante crecemento composta por 16.970 contedores repartidos polas catro provincias e o esforzo realizado por toda a cadea da reciclaxe de vidro en Galicia durante a pandemia, un período no que se mantivo en todo momento activo o servizo de recollida a nivel municipal coas súas 160 rutas semanais.
En todo caso e coincidindo coa Semana do Medio Ambiente —que terá o seu día grande este sábado, 5 de xuño—, cómpre lembrar a importancia de seguir fomentando a conciencia cidadá sobre a recollida selectiva, un obxectivo polo que a Xunta traballa en colaboración con Ecovidrio e Ecoembes co fin de seguir incrementando as taxas de reciclaxe en Galicia e avanzar así na liña dos obxectivos da economía circular.
Ao respecto, non debe esquecerse que a reciclaxe de envases de vidro é unha boa maneira de demostrar que os residuos poden ter unha segunda vida, un modelo que conecta ademais coa Axenda 2030 da ONU e con ata seis dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A modo de exemplo, grazas ao vidro que se recuperou ao longo de 2020 só en Galicia evitouse a emisión de 40.588 toneladas de CO2 equivalentes a retirar case 19.000 coches da circulación durante un ano; impediuse a extracción de 83.976 toneladas de materias primas da natureza (area, sosa e caliza) equivalentes a máis de 8 veces o peso da Torre Eiffel; e aforráronse 49.980 MWh de enerxía, o equivalente ao consumo enerxético de todos os hospitais de Galicia durante máis de dous meses.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda