- Recibirá de mans desta entidade pública 25 composteiros con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Serán entregados por parte do ente local en outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
- Sogama tambén proporcionará os usuarios manuais didácticos de apio e impartirá un curso de formación presencial.
Cerceda, a 26 de marzo de 2019.- Do mesmo xeito que xa fixeron máis de 180 municipios das catro provincias galegas, o concello de Santiso (A Coruña) solicitou a adscrición ao programa de compostaxe doméstica de Sogama a fin de impulsar a reciclaxe da materia orgánica nos propios fogares.
Nunha fase inicial, o ente local levará esta iniciativa a 25 vivendas, que en todo caso deben cumprir un requisito imprescindible: ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, posibilitando desta forma a valorización dos restos orgánicos en forma de fertilizante de alta calidade.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente subministará ao ente local 25 composteiros de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables que serán entregados ás familias que finalmente decidan formar parte desta iniciativa.
VANTAXES CONSTATADAS
A autocompostaxe trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais. Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando unha menor frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, minimizando as emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, ao entregar menos refugallos a Sogama, tamén se minora o importe da factura a pagar a esta empresa pública, coa particularidade de que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Todo vantaxes para unha operativa sinxela na que serán formados os veciños do concello a través dun curso presencial impartido por Sogama, quen tamén lles proporcionará con manuais específicos de apoio que servirán de guía no labor diario.
Adicionalmente, os interesados teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal no que poderán atopar información e recursos (vídeos, xogos, etc) co obxectivo de producir un compost que cumpra con todas as garantías.
Saúdos, Departamento de Comunicación