- A empresa pública remitirá ao ente local 50 composteiros para que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo, así como manuais didácticos de apoio para os participantes
Cerceda, a 29 de xaneiro de 2025.- O Concello das Somozas (A Coruña) formalizou a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia co obxectivo de promover a redución de residuos en orixe e fomentar a recuperación da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, con posteriores usos na agricultura e a xardinería.
A empresa pública remitirá ao ente local un total de 50 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán entregados noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o abono resultante.
Recupérase así unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da fracción orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda e eficiente facilitada polo composteiro. Con isto, os participantes poderán elaborar nas súas casas o seu propio fertilizante, evitando que os residuos orgánicos se depositen nos contedores das vías públicas, diminuíndo con isto custos, tanto ambientais como económicos.
Con todo, e a fin de que a veciñanza dispoña da formación necesaria e leve a cabo o proceso con garantías, Sogama impartirá tamén na localidade un curso de formación no que se explicará a dinámica a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe asentarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para propiciar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben, e non deben, introducirse no mesmo, a correcta mestura entre fracción húmida e seca, para que o conxunto garde equilibrio, e o control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade.
Os asistentes poderán aproveitar esta xornada para complementar coñecementos e resolver dúbidas, e recibirán tamén un manual didáctico de apoio no que se describe a operativa e se dá resposta ás preguntas máis frecuentes.
Ademais, Sogama dispón dun microsite no que os interesados poderán atopar diferentes recursos divulgativos https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación