- Sogama entregará ao ente local outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros, ademais de manuais didácticos a distribuír entre os participantes.
Cerceda, a 30 de abril de 2021.- Coa colaboración de Sogama, o Concello de Barbadás (Ourense) levará a autocompostaxe a 30 novas vivendas unifamiliares con terreo. Para isto, Sogama proporcionará ao ente local, de forma gratuíta, outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que se sumarán aos proporcionados en fases anteriores, facendo un total de 60.
Co impulso da autoxestión da materia orgánica, unha práctica tradicional no rural galego, o ente local pretende reactivala, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente mediante a utilización de recipientes específicos.
A través de manuais didácticos achegados por Sogama, os participantes poderán coñecer a operativa a seguir, toda vez que nos mesmos explícase cal é o lugar máis axeitado para colocar o composteiro, que materiais deben e non deben depositarse no mesmo, como axustar o contido entre fracción húmida e fracción seca para conseguir un determinado equilibrio, sen esquecer a importancia do control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, esenciais para lograr un compost de alta calidade.
Así mesmo, nestes folletos dáse resposta ás dúbidas máis habituais e ás preguntas máis frecuentes.
Adicionalmente, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar toda a información sobre esta iniciativa e recursos divulgativos cos que reforzar os seus coñecementos.
VANTAXES
A autocompostaxe trae consigo importantes vantaxes desde a dimensión ambiental, social e económica. Dado que a materia orgánica vén a representar en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe en forma de abono, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, permitindo unha redución na frecuencia de recollida deste recipiente, o que se traduce en menores emisións de CO2 á atmosfera, e unha diminución do importe da factura a pagar a Sogama.
Saúdos, Departamento de Comunicación